No desterro

No desterro, o primeiro poemario de Ramón Cabanillas, ve a luz na Habana en 1913 cun limiar de Basilio Álvarez que o consagra como poeta social por excelencia, aínda que en termos estritos os poemas desa índole fosen minoritarios no conxunto do volume. Nesa cidade e nesa data entrecrúzanse as súas traxectorias biográficas e, simbolicamente, tamén conflúen tres dos fenómenos definidores da experiencia colectiva dos galegos e galegas do século XX: o galeguismo, a emigración e o agrarismo. A través da biografía e da obra do poeta de Cambados é posible aproximarse a estes tres fíos da historia recente de Galicia, así como o seu reflexo na literatura.
Tamén se tenta profundar na relación, prolongada ao longo de máis de tres décadas, entre Cabanillas e quen, con xustiza ou sen ela, remataría por personificar na memoria popular un movemento tan complexo e multiforme como foi o agrarismo galego: o abade de Beiro, Basilio Álvarez.
Obra da colección 'Clásicos da Emigración' editada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia, unha escolma de libros que desfrutan da consideración de ser obras clásicas para o coñecemento e análise da emigración galega nas súas diversas épocas, destinos e facetas e que hoxe en día son difíciles de atopar en bibliotecas ou librarías. A publicación facsimilar acompáñase de cadansúa introdución e estudo crítico, neste caso de Miguel Cabo Villaverde.
Contén:
- Presentación/ por Rosario Álvarez
- Presentación /por Antonio Rodríguez Miranda
- Estudo introdutorio: Agrarismo, literatura e emigración a través da figura de Ramón Cabanillas / Miguel Cabo Villaverde
- Facsímile: No desterro / Ramón Cabanillas, [introdución de Basilio Álvarez]
