O camiño ao revés: os descendentes de emigrantes buscan en Galicia unha nova vida

Buscando novas oportunidades, calidade de vida ou sinxelamente o retorno ás súas orixes. Moitas son as razóns que fan que os descendentes de emigrantes galegos fagan o camiño ao revés dos seus antepasados e volvan á terra que tiveron que deixar os seus pais ou avós nos tempos máis difíciles. Galicia ocupa o terceiro lugar en volume de retorno despois de Madrid e Cataluña. Non obstante, é a primeira comunidade cunha maior proporción de emigrantes retornados respecto ao total da súa poboación.
Segundo datos do Ministerio de Trabajo e Inmigración, no ano 2009 retornaron a Galicia un total de 3.645 emigrantes. Son historias como a da comercial Myriam Neira, que hai oito anos deixou Uruguai para vivir en España. O seu avó, Jesús Neira Porteiro, marchou de Bértoa, en Carballo, cando tiña 30 anos. En Montevideo coñeceu a súa muller, tamén galega, e con ela construíu a súa vida e a súa familia. Na capital uruguaia, Myriam Neira tivo contacto coa comunidade de emigrantes galegos e coa cultura da terra dos seus avós. As historias que lle contaban espertaron o seu interese por coñecer España e Galicia.
E con esta idea fixo as maletas e cruzou o Atlántico no ano 2002. Tras vivir en grandes cidades como Madrid e Barcelona, decidiu instalarse na Coruña, onde viven os seus familiares. Polo contexto económico actual, a comercial cre que as oportunidades de traballo que teñen os descendentes de emigrantes nunca se compararán coas que tiveron os seus familiares en América hai décadas. Pero na súa opinión, hai outros aspectos que o compensan: «a calidade de vida aquí nótase en todo, dende os prezos dos alugueres, que son máis baratos que nas outras cidades nas que estiven, ata a comida e o trato coa xente».
Ler máis sobre isto...
- Cando deixou México para virse a España, Juan J. Martínez sabía que en Galicia non tería as mesmas oportunidades de traballo que en Madrid ou Barcelona. Pero elixiu a terra dos seus avós para vivir pois tamén a considera como a súa terra. Nos anos 50, os... Máis información
- O pasado mes de outubro aterraron en Santiago 132 emigrantes de máis de 60 anos procedentes de varios países de América Latina. Non só as novas xeracións de emigrantes teñen a oportunidade de redescubrir a Galicia actual. Tamén os galegos maiores que... Máis información
- O brasileiro Eduardo C. Justo naceu en Río de Xaneiro e pertence a unha familia enteira de emigrantes que se desprazaron a diversas partes do mundo. Hoxe é el quen volve á Coruña en busca de calidade de vida. Río de Xaneiro é coñecida como unha cidade de... Máis información