Un sentimento galego que supera as dificultades

Cando deixou México para virse a España, Juan J. Martínez sabía que en Galicia non tería as mesmas oportunidades de traballo que en Madrid ou Barcelona. Pero elixiu a terra dos seus avós para vivir pois tamén a considera como a súa terra.

Nos anos 50, os avós de Juan J. Martínez marcharon de Betanzos e fóronse a México. A un amigo da familia fóralle moi ben a vida no país latinoamericano e o seu avó foi traballar con el. «Así empezou todo. O meu pai naceu no México D.F. e creceu escoitando as historias do meu avó sobre a terra, dicía que tiña morriña de todo, da comida, dos seus amigos...» conta Martínez.

Con 12 anos estivo por primeira vez en Galicia para visitar a familia. O seu pai tiña un bo traballo en México e non pensaba volver a Galicia. Unha das veces que veu á Coruña de vacacións, a Martínez ocorréuselle que podería quedar «a probar sorte». Xa tiña a nacionalidade española e ese mesmo ano regresou para vivir definitivamente na terra dos seus avós.

A principio non foi doado. Tardou en encontrar traballo e sufriu coa intolerancia dalgunhas persoas. Non imaxinei que me ía encontrar tanta xente que fixese comentarios sobre min por ser latinoamericano», conta Juan Martínez.

Pero os amigos que fixo e a forza das súas raíces galegas fixérono superar todas estas dificultades. «Cando cheguei aquí era consciente de que non había tantas oportunidades de traballo e que Madrid ou Barcelona eran destinos moito máis atractivos para os meus plans. Pero vin porque considero que esta tamén é a miña terra, que o meu pai é fillo de galegos e eu quería estar na súa terra, vivir a experiencia como unha máis», explica Martínez.

1010 lecturas