O camiño ao revés: os descendentes de emigrantes buscan en Galicia unha nova vida

O camiño ao revés: os descendentes de emigrantes buscan en Galicia unha nova vid

Buscando novas oportunidades, calidade de vida ou sinxelamente o retorno ás súas orixes. Moitas son as razóns que fan que os descendentes de emigrantes galegos fagan o camiño ao revés dos seus antepasados e volvan á terra que tiveron que deixar os seus pais ou avós nos tempos máis difíciles. Galicia ocupa o terceiro lugar en volume de retorno despois de Madrid e Cataluña. Non obstante, é a primeira comunidade cunha maior proporción de emigrantes retornados respecto ao total da súa poboación.

Segundo datos do Ministerio de Trabajo e Inmigración, no ano 2009 retornaron a Galicia un total de 3.645 emigrantes. Son historias como a da comercial Myriam Neira, que hai oito anos deixou Uruguai para vivir en España. O seu avó, Jesús Neira Porteiro, marchou de Bértoa, en Carballo, cando tiña 30 anos. En Montevideo coñeceu a súa muller, tamén galega, e con ela construíu a súa vida e a súa familia. Na capital uruguaia, Myriam Neira tivo contacto coa comunidade de emigrantes galegos e coa cultura da terra dos seus avós. As historias que lle contaban espertaron o seu interese por coñecer España e Galicia.

E con esta idea fixo as maletas e cruzou o Atlántico no ano 2002. Tras vivir en grandes cidades como Madrid e Barcelona, decidiu instalarse na Coruña, onde viven os seus familiares. Polo contexto económico actual, a comercial cre que as oportunidades de traballo que teñen os descendentes de emigrantes nunca se compararán coas que tiveron os seus familiares en América hai décadas. Pero na súa opinión, hai outros aspectos que o compensan: «a calidade de vida aquí nótase en todo, dende os prezos dos alugueres, que son máis baratos que nas outras cidades nas que estiven, ata a comida e o trato coa xente».

Ler máis sobre isto...

  • No pasado as despedidas tiñan lugar nos peiraos. Hoxe, o escenario dos reencontros son os aeroportos de Galicia. Foto: Carlos Folgoso
  • En xullo, 45 fillos de emigrantes galegos de Brasil, Arxentina e Uruguai visitaron Ourense. Foto: Santi M. Amil
  • Tamén na provincia ourensana tivo lugar un encontro con 132 emigrantes na Residencia do Tempo Libre do Carballiño, dentro das actividades do programa Reencontros na terra 2010. Foto: Paradela
  • Os programas promovidos pola Xunta tamén inclúen actividades culturais e recreativas, como talleres. Foto: Vítor Mejuto
  • Para os emigrantes que deciden retornar definitivamente a Galicia, hai a posibilidade de realizar cursos ofrecidos polo goberno autonómico, como o de poda e plantacións concluído o pasado mes de novembro en Forcarei. Foto: Víctor Espiño

4125 lecturas