A Xunta reforza os vínculos entre Galicia e Uruguai cunha reunión co ministro de Cultura

Imaxe da reunión celebrada esta tarde en Montevideo
Imaxe da reunión celebrada esta tarde en Montevideo
Listen to this page using ReadSpeaker
Montevideo (Uruguai), 1 de decembro de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo hoxe unha reunión co ministro de Educación e Cultura do Uruguai, Pablo da Silveira, con quen analizou o reforzo da colaboración de ambos gobernos para potenciar os vínculos culturais entre Galicia e o país americano tendo en conta a forte pegada que o colectivo galego ten neste país, especialmente en Montevideo, esencial para entender a propia historia de Montevideo.

Rodríguez Miranda explicou ao responsable das entidades culturais no país americano o intenso traballo que están a facer os centros galegos en Uruguai para manter viva a cultura e a lingua das e dos seus devanceiros, sendo á vez parte da propia vida uruguaia.

Durante a reunión, propuxéronse distintas liñas de colaboración co Goberno de Uruguai para a difusión do Ano Santo Xacobeo e do Camiño de Santiago, tendo en conta os fondos vínculos entre ambos territorios e o traballo que as propias entidades galegas neste país están a facer para a súa difusión. Neste senso, Miranda trasladoulle a Silveira que xa se está a traballar en diferentes propostas, poñendo sempre en valor a colectividade e cultura galegas no país do Cono Sur. 

302 lecturas