A Xunta presenta en Lugo unha instalación multimedia sobre Lois Pereiro que achegará ás bibliotecas e centros escolares a vida e obra do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas

A mostra está formada por unha pantalla multitáctil interactiva e un muro vertical multimedia que permitirán ao público afondar na vida e obra de Lois Pereiro dunha forma dinámica e innovadora. As consellerías de Cultura e Turismo e de Educación e Ordenación Universitaria colaboran na organización desta exposición, que completará ao longo de 2011 a súa itinerancia polas seis bibliotecas nodais e os centros escolares de Galicia.

A Biblioteca Nodal de Lugo acolleu hoxe o acto de apertura, que contou coa participación do director xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas, Francisco López; o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; o xornalista Xosé Manuel Pereiro, irmán do poeta Lois Pereiro, e a directora da biblioteca, Marisol González.

Listen to this page using ReadSpeaker
18 de abril de 2011.

A Xunta de Galicia vén de presentar na Biblioteca Pública Nodal de Lugo unha instalación multimedia sobre Lois Pereiro que rende homenaxe ao poeta monfortino e permite achegarse dun xeito dinámico e innovador á vida e á obra do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. As consellerías de Cultura e Turismo e de Educación e Ordenación Universitaria colaboran, xunto ao equipo de Ouvirmos, a organización desta exposición que completará ao longo de 2011 unha itinerancia polas seis bibliotecas nodais e os centros escolares de Galicia. O acto de apertura contou hoxe coa participación do director xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas, Francisco López; o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; o xornalista Xosé Manuel Pereiro, irmán do poeta Lois Pereiro, e a directora da Biblioteca Pública Nodal de Lugo, Marisol González.

Na súa intervención, o director xeral do Libro celebrou que a decisión de dedicar a Lois Pereiro o Día das Letras Galegas 2011 servise para que a súa “obra extraordinaria” teña xa “un lugar ante o público en xeral, que teñamos a capacidade de amosar nas salas das entidades públicas, nos centros de ensino, nos medios de comunicación e en calquera outro lugar o talento potentísimo” do poeta de Monforte. Neste sentido, Francisco López destacou a capacidade do “gran poeta da Galicia urbana” de explorar “os recantos sórdidos da vida, esa parte da vida que tamén existe e que merece a nosa atención porque tamén nela a palabra se converte en arte, porque moitas veces dos grandes sufrimentos xorde a consciencia, coas súas mensaxes clarísimas, para comprobar que só podemos superar aquilo que vemos”.

Respecto á instalación multimedia sobre o poeta, o director xeral amosouse convencido de que ao propio Pereiro “habíalle parecer o formato máis axeitado para reflectir a súa personalidade”, xa que “coa enfermidade que determinou a súa traxectoria, el sabía que o mundo cambiara radicalmente e creara novos modelos de comunicación e de entendemento; comprendía xa que había outras paisaxes que atender, outras sombras que iluminar, outras alturas de vidro e formigón para darlle abeiro ás tamén novas relacións humanas”. “Desde a Consellería de Cultura e Turismo, presentamos esta mostra como unha invitación a organizarnos sobre a totalidade do que forma Galicia e a súa cultura”, engadiu.

Pola súa parte, o responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, que presentou a mostra interactiva como “un novo exemplo de colaboración institucional”, incidiu no interese desta iniciativa para “axudar a recuperar un tempo e unha xeración de auténtica explosión artística e cultural manifestada de maneira singular na música e na literatura en lingua galega”.

“Se os anos oitenta do pasado século foron un momento especialmente interesante no ámbito social e político”, asegurou o secretario xeral, “non o foron menos no terreo literario, artístico ou audiovisual”. “Un momento de cambio, de experimentación e de apertura a múltiples tendencias e influencias foráneas que tan ben se representou e exemplificou na produción creadora de Lois Pereiro”, afirmou.

Proposta interactiva e dinámica
O proxecto Lois Pereiro nas bibliotecas nodais consiste nunha instalación multimedia composta por unha pantalla multitáctil de gran tamaño, que flota horizontalmente sobre unha peana, e un muro vertical con dúas pequenas pantallas incrustadas sobre o que se desprega unha liña temporal coa vida e obra do autor. A pantalla multitáctil de 46” presenta un programa interactivo, dinámico e sensible á manipulación con dedos e xestos, que consta de catro apartados: Fotobiografía, A voz do poeta, Xogando coas palabras e A música.

No primeiro termo, Fotobiografía convida ao público a coñecer a vida de Lois Pereiro a través do seu álbum fotográfico familiar desde as súas orixes, a vida de neno en Monforte, a súa época en Madrid, as súas viaxes vitais e os seus últimos anos en Galicia. Inclúe ademais un túnel do tempo, onde se pode interactuar con estas imaxes. Ademais de presentar e afondar na súa produción literaria, o interactivo permitirá escoitar ademais A voz do poeta no mítico recital do café coruñés Moka en 1996.

En Xogando coas palabras ofrécese un xogo para interactuar cos poemas de Lois Pereiro. A través da pantalla táctil pódense xerar novas palabras e compoñer os poemas de Lois utilizando as axeitadas. A Música estará representada por unha selección de versos de Lois musicados por Manu Clavijo como Outro poema de amor e En Leonberg, Alexandro González con Contra a morte o amor que vai comigo, Nación Reixa con Furia, Fanny & Alexander con Postpunkdeirada, e Radio Océano con Narcisismo. Cunha aplicación a modo de picadiscos o visitante poderá escoitar as cancións que elixa, ademais de acceder aos comentarios e crítica musical de cada un dos temas.

O gran muro estático, de 2 metros de alto e 3,5 de ancho, mostra unha liña temporal cos fitos principais da biografía de Lois Pereiro e textos explicativos das súas diferentes etapas vitais. Dúas pantallas incrustadas no muro exhibirán en continuo preto de cen fotografías pertencentes ao álbum familiar do poeta.

1296 lecturas