Santiago Camba rende homenaxe en Arxentina a un Lois Pereiro emigrante

No Teatro Castelao do Centro Galego, nun acto organizado polo Instituto Arxentino de Cultura Galega.

O secretario xeral da Emigración falou do poeta como emigrante e confesou compartir con Pereiro “o desexo dunha Galicia como referente”.

Unha conferencias sobre o futuro da emigración en América e outra sobre a figura de Lois Pereiro formaron parte da programación do Día das Letras Galegas en Bos Aires.

Listen to this page using ReadSpeaker
18 de maio de 2011.

O Secretario Xeral da Emigración da Xunta, Santiago Camba, gabou este martes (xa madrugada do mércores na Galicia territorial) a figura literaria de Lois Pereiro, a quen considerou “un emigrante” coma os asistentes ao acto celebrado no Teatro Castelao do Centro Galego de Bos Aires para celebrar o Día das Letras Galegas 2011.

“Aínda que o homenaxeado nas Letras deste ano non estivo na Arxentina, -apuntou Camba- si se lle pode considerar, a todos os efectos, un emigrante”. Santiago Camba falou do poeta monfortino achegándoo á realidade dos presentes.

“Pereiro foi buscar na Galicia de fóra unha mellora nas súas condicións vitais, que no caso dun artista polifacético coma el, indican a busca dun lugar aberto e dinámico onde desenvolver ideas para desenvolver na súa terra nai. Sexa no ámbito cultural ou no económico, sei que a experiencia de Pereiro é similar á que poderiades contar moitas e moitos de vós en primeira persoa. De aí que me permita dicir que neste acto das Letras 2011 con Lois Pereiro estase homenaxeando tamén á diáspora”.

O Secretario Xeral da Emigración cualificou o poeta monfortino coma un “autor culto” representante da “contracultura ou posmodernismo” do tempo que lle tocou vivir. Camba trazou o debuxo dun home que “desexaba que houbese en Galicia máis liberdade, con optimismo, para convertela nun referente”. “Compartimos con Pereiro –confesou- ese desexo.”

Este acto, organizado polo Instituto Arxentino de Cultura Galega celebrouse no Teatro Castelao da capital arxentina con sala chea. Ao longo da tarde presentáronse unha conferencia do escritor e xornalista Manuel Suárez Suárez sobre o futuro da emigración en América, así como un relatorio sobre a figura do poeta homenaxeado este 17 de maio, a cargo do profesor de lingua e literatura galega no Colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires, Xoán Xesús Sánchez Muíño.

As palabras do presidente do Centro Galego de Bos Aires, Carlos Vello, e da a presidenta do Instituto Arxentino de Cultura Galega, María Aurora Barbeito tamén formaron parte desta homenaxe que se celebra, como cada ano, nesta centenaria institución. O Delegado da Xunta de Galicia, Alejandro López Dobarro; numerosos representantes de centros e institucións galegas de toda Arxentina e da colectividade galega se fixeron presentes este martes no teatro Castelao para conmemorar o día das Letras en Bos Aires.

Lois Pereiro
Nacido o 16 de febreiro de 1958 en Monforte de Lemos, Lois Pereiro foi un dos referentes da poesía galega contemporánea. En 1975, con 17 anos, marchou a Madrid continuar os seus estudos e alí fundará a revista Loia, xunto con Xosé Manuel Pereiro, Antón Patiño e Manuel Rivas. Nesta publicación verán a luz os seus primeiros versos, algúns dos cales serán recollidos posteriormente en Poemas para unha loia (1996).

Durante a súa mocidade gaña o Premio de Poesia O Facho e participa nos dous libros colectivos De amor e desamor (Edicións do Castro, 1984 e 1985). Será Poemas 1981-1991 (Edicións Positivas) a obra que o converta, segundo Manuel Rivas, "no clásico que ten a literatura galega sen sabelo". Desde a cidade da Coruña, onde se estableceu a comezos da época dos 80, Lois Pereiro participará de forma activa nun momento de cambio, de experimentación e de apertura a múltiples tendencias e influencias foráneas que reflectiu e exemplificou na súa produción creadora.

Morre o 24 de maio de 1996, pouco despois de publicar Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995 (Edicións Positivas, 1995), “un libro intenso e apaixonado, dos máis duros e descarnados da literatura galega”, en palabras de seu irmán, Xosé Manuel Pereiro.

1298 lecturas