A obra e a vida de Lois Pereiro chegan a 19 países de Europa e de América cunha exposición de Política Lingüística

A Secretaría Xeral distribuíu unha mostra de carteis sobre o escritor monfortino en todas as universidades que contan con centros de estudos galegos.

Os profesores lectores de galego organizan este mes diversas iniciativas para conmemorar as Letras Galegas e difundir no exterior a lingua e a cultura galegas.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 16 de maio de 2011.

A conmemoración das Letras Galegas e a difusión da vida e da obra do homenaxeado deste ano, Lois Pereiro, chegan a 19 países de todo o mundo a través dunha exposición promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. O departamento que dirixe Anxo Lorenzo vén de distribuír unha mostra composta por 15 carteis sobre o escritor monfortino en todos os centros de estudos galegos cos que este departamento da Xunta de Galicia conta actualmente e que están distribuídos en universidades de Europa e de América.

A través dos máis de 40 centros de estudos galegos da Secretaría Xeral, a obra e a vida de Lois Pereiro difúndese con esta exposición en España, Alemaña, Croacia, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal, Reino Unido, Rusia, Arxentina, Brasil, Chile, Cuba, Estados Unidos, México e Uruguai.

A mostra sobre Lois Pereiro que se está a exhibir nestes países titúlase Lois Pereiro e as artes da palabra. Rúa da poesía, poesía da rúa e é un dos traballos gañadores do Concurso-Exposición Letras Galegas 2011 da Secretaría Xeral de Política Lingüística, na que participaron numerosos centros educativos de Galicia. Os carteis desta exposición e mais os da premiada na categoría de educación infantil e primaria están accesibles no web da secretaría xeral, no enderezo www.xunta.es/linguagalega/lois_pereiro.

Máis iniciativas para conmemorar no exterior as Letras Galegas
Ademais da exhibición desta mostra, os centros de estudos galegos están a organizar diversas iniciativas para celebrar o 17 de maio e, deste xeito, impulsar a proxección exterior e o recoñecemento internacional da lingua e da cultura galegas.

O centro de estudos galegos da universidade portuguesa do Minho foi unha das primeiras en sumarse ao programa de actividades para conmemorar as Letras Galegas. Facíao o pasado día 7 coa presentación do cancioneiro de música popular máis antigo do que se ten noticia, Ayes de mi País, unha compilación realizada por Marcial Valladares a mediados do século XIX e que foi recentemente editada por José Luís do Pico e Isabel Rei. A esta presentación, uníuselle un encontro con escritores e escritoras de Galicia –entre eles, Marilar Alexandre, Teresa Moure, Carlos Quiroga e Lucía Novas– e do norte de Portugal.

Tamén en Portugal, o centro de estudos galegos de Lisboa colabora, con outras entidades, na organización de diversas actividades. Entre elas inclúense o encontro literario que terá lugar mañá na Facultade de Ciências Sociais e Humanas, un relatorio sobre o Día das Letras Galegas a cargo de Luciano Rodríguez, o propio día 17; a Feira do Libro Galego, que terá lugar desde o próximo martes ata o 26 deste mes; e un ciclo de cinema galego que se prolongará durante as próximas semanas.

Por outra banda, o centro de estudos galegos da Facultat de Filologia da Universitat de Barcelona (UB) inauguraba esta semana a mostra bibliográfica Di-versos, ou a poesía entre o fanzine e o punk. Lois Pereiro, Manuel Rivas, Rompente…, que inclúe páxinas do facsimilar de Loia editado polo Consello da Cultura Galega. Esta mostra poderá verse na Biblioteca Xeral da UB ata o 18 de maio.

Este centro de estudos tamén organizou esta semana a conferencia Lois Pereiro, entre a emoción e a devoción, a cargo do escritor e xornalista Anxo Quintela. No mesmo acto presentouse a edición bilingüe galego-castelán da Obra completa de Lois Pereiro, da editorial Libros del Silencio.

Outro exemplo das iniciativas no exterior para conmemorar as Letras Galegas promóveo o centro de estudos galegos da Facultade de Letras da Universidade do País Vasco, onde as poetisas María Lado e Lucía Aldao veñen de ofrecer un recital poético con motivo da inauguración da exposición da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O papel dos centros de estudos galegos
Na actualidade, a secretaría xeral posibilita que o galego sexa obxecto de estudo en máis de 40 universidades de 19 países de Europa e de América. A maior parte delas contan con profesores lectores asentados en departamentos coñecidos como centros de estudos galegos, que imparten materias de lingua galega.

A actividade realizada nos centros de estudos galegos leva contribuído de maneira fundamental á difusión exterior do galego, á investigación lingüística desde perspectivas moi diversas e tamén ao prestixio da lingua entre os seus propios falantes, ao observar o interese e recoñecemento que posúe fóra.

1459 lecturas