A Biblioteca Pública Anxel Casal de Santiago acolle desde hoxe a instalación multimedia sobre o poeta Lois Pereiro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas

O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos inaugurou hoxe a mostra que permanecerá en Santiago durante todo o mes de agosto.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2011.

O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos inaugurou esta mañá en Santiago a instalación multimedia sobre o poeta Lois Pereiro que permite achegarse, dun xeito dinámico e innovador, á vida e obra do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2011 e que permanecerá na Biblioteca Pública Anxel Casal durante todo o mes de agosto. As Consellerías de Cultura e Turismo e de Educación e Ordenación Universitaria colaboran, xunto co equipo de Ouvirmos, na organización desta exposición que completará ao longo de 2011 unha itinerancia polas bibliotecas nodais e os centros escolares de Galicia. A mostra, que xa se puido visitar en Lugo, Monforte de Lemos, Ourense, A Coruña e Pontevedra.

Francisco López presentou esta mostra como “unha invitación a coñecer a obra de Lois Pereiro entre o público máis novo”. Segundo o director xeral, o feito de que se lle dedicase o Día das Letras Galegas “non só foi un motivo excepcional para espallar a súa obra entre nós, senón que tamén no exterior, tanto a través da edición inglesa da súa poesía como na edición da súa obra completa en galego-castelán feitas coa decidida colaboración da Consellería de Cultura e Turismo”. Estas edicións, ás que hai que unir a recente aparición do libro ilustrado de Jacobo Fernández sobre a figura do poeta, complementan a gran oferta literaria deste autor.

Para o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, “desde o punto de vista académico e case diría que en calquera parte do mundo, unha traxectoria coma a de Lois Pereiro adoita demorar bastante para recibir un recoñecemento deste tipo, mais non é este, sen embargo, o caso de Lois Pereiro, que marcou unha auténtica explosión editorial e de actividades arredor da súa figura”.

Instalación multimedia
O proxecto Lois Pereiro nas bibliotecas nodais consiste nunha instalación multimedia composta por unha pantalla multitáctil de gran tamaño, que flota horizontalmente sobre unha peana, e un muro vertical con dúas pequenas pantallas incrustadas sobre o que se desprega unha liña temporal coa vida e obra do autor. A pantalla multitáctil de 46" presenta un programa interactivo, dinámico e sensible á manipulación con dedos e xestos, que consta de catro apartados: Fotobiografía, A voz do poeta, Xogando coas palabras e A música.

No primeiro termo, Fotobiografía convida o público a coñecer a vida de Lois Pereiro a través do seu álbum fotográfico familiar desde as súas orixes, a vida de neno en Monforte, a súa época en Madrid, as súas viaxes vitais e os seus últimos anos en Galicia. Inclúe ademais un túnel do tempo, onde se pode interactuar con estas imaxes. Ademais de presentar e afondar na súa produción literaria, o interactivo permitirá escoitar ademais A voz do poeta no mítico recital do café coruñés Moka en 1996.

En Xogando coas palabras ofrécese un xogo para interactuar cos poemas de Lois Pereiro. A través da pantalla táctil pódense xerar novas palabras e compoñer os poemas de Lois utilizando as axeitadas. A Música estará representada por unha selección de versos de Lois musicados por Manu Clavijo como Outro poema de amor e En Leonberg, Alexandro González con Contra a morte o amor que vai comigo, Nación Reixa con Furia, Fanny+Alexander con Postpunkdeirada, e Radio Océano con Narcisismo. Cunha aplicación a modo de picadiscos o visitante poderá escoitar as cancións que elixa, ademais de acceder aos comentarios e crítica musical de cada un dos temas.

O gran muro estático, de 2 metros de alto e 3,5 de ancho, mostra unha liña temporal cos fitos principais da biografía de Lois Pereiro e textos explicativos das súas diferentes etapas vitais. Dúas pantallas incrustadas no muro exhibirán en continuo preto de cen fotografías pertencentes ao álbum familiar do poeta

1246 lecturas