Lois Pereiro xa é fillo predilecto de Monforte
A corporación local acordou no pleno celebrado o pasado martes concederlle esta distinción.
O desaparecido poeta monfortino Lois Pereiro, ao que se dedica este ano o Días das Letras Galegas, foi designado este martes, por acordo unánime do pleno da corporación, Fillo Predilecto de Monforte.
A distinción quere recoñecer, segundo recolle a proposta do nomeamento, "a súa importante traxectoria vital e profesional no ámbito galego, estatal e mesmo internacional". Faise eco tamén da gran admiración que espertou a súa obra "de xeito especial entre as xeracións máis novas, non só en Galicia, senón tamén noutros lugares de España e do mundo. Un magnífico, intenso e persoal universo poético" cuxa tradución a varios idiomas "recoñece tamén a universalidade da poesía e a extensa cultura de Lois Pereiro".
O Concello tamén valorou a hora de outorgar esta distinción a presenza "constante" de Monforte na vida do autor que protagoniza o Día das Letras Galegas. "Lois sentía grande atracción polo mundo, por explorar a realidade que o rodeaba, como os paxaros que voan libremente grandes distancias. Pero como os paxaros, que volven aos mesmos lugares periodicamente, sente a necesidade dunhas referencias permanentes que foron as terras do Incio, pero tamén moi especialmente a cidade que ou viu nacer, Monforte de Lemos, e que grazas a el é coñecida por moita xente de moi diversos lugares".
Na casa da cultura da cidade do Cabe está aberta até o 31 de maio unha mostra sobre a vida e obra deste singular poeta, baixo o título Lois Pereiro: Camiño do futuro libremente.
Fonte: El Correo Gallego | Foto: El Correo Gallego
Novas relacionadas