A Xunta pon en valor os lazos migratorios entre Galicia e Cataluña que contribuíron ao progreso da cadea mar-industria de ambas comunidades

A titular de Mar puxo como exemplo a chegada da industria pesqueira catalá á costa galega no século XVIII que impulsou o desenvolvemento da conserva.

  •  A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou o Centro Galego de Tarragona e participou na clausura da mostra sobre a emigración das galegas e galegos a Cataluña
    A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou o Centro Galego de Tarragona e participou na clausura da mostra sobre a emigración das galegas e galegos a Cataluña
  •  A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou o Centro Galego de Tarragona e participou na clausura da mostra sobre a emigración das galegas e galegos a Cataluña
    A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou o Centro Galego de Tarragona e participou na clausura da mostra sobre a emigración das galegas e galegos a Cataluña
Listen to this page using ReadSpeaker
Tarragona, 10 de maio de 2023.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou onte o Centro Galego de Tarragona onde asinou o libro de ouro desta entidade e participou na clausura da exposición sobre a emigración das galegas e galegos a Cataluña e a figura do cardeal Benjamín de Arriba y Castro. Alí a representante do Goberno galego aproveitou a ocasión para poñer en valor os lazos migratorios que unen a Galicia e Cataluña e que contribuíron ao progreso da cadea mar-industria en ambas comunidades.

Nesta liña, puxo como exemplo a chegada da industria pesqueira catalá á costa galega no século XVIII que impulsou o desenvolvemento da conserva. A titular de Mar tamén puxo de relevo a aportación das galegas e galegos que emigraron a Cataluña e axudaron a impulsar actividades e sectores da economía desta comunidade ao tempo que contribuíron ao progreso de Galicia. Neste sentido, salientou o labor de apoio do cardeal Benjamín de Arriba y Castro ás e aos emigrantes galegos en Cataluña nos anos 50 e 60, principalmente de Tarragona, onde foi arcebispo tras ser bispo de Mondoñedo.

A exposición clausurada onte conta co apoio da Xunta e naceu co fin de lembrar a figura  deste prelado, oriúndo de Becerreá, 50 anos despois do seu falecemento. Ten 12 paneis con texto, documentos e fotografías que dan conta do fenómeno migratorio galego en Cataluña e destaca o asociacionismo e a creación das primeiras sociedades culturais galegas no mundo.

Rosa Quintana estivo acompañada na clausura desta mostra polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta; o presidente do Centro Galego de Tarragona, José Lago; o autor da exposición e vicepresidente desta entidade, Manoel Carrete; a secretaria do Centro, Concepción Saune, e o presidente da Federación de Entidades Culturais Galegas en Cataluña, Domingo Balboa. Ao evento tamén asistiron representantes doutros centros e entidades galegas en Cataluña.

123 lecturas