As entidades galegas en Cataluña, en colaboración coa Xunta de Galicia, organizan unha gran homenaxe ás e aos emigrantes dos anos 80

O secretario xeral da Emigración mantivo un encontro cos e coas representantes das asociacións de Cataluña, dentro das reunións habituais que se veñen desenvolvendo cos centros de todo o mundo para planificar as actividades de promoción da cultura e lingua galegas.

O acto terá lugar o próximo 10 de decembro no Gran Teatre del Liceu de Barcelona baixo o título “Unha xeración. Dous mundos”. 

  • Imaxe da reunión celebrada hoxe en L’Hospitalet de Llobregat
    Imaxe da reunión celebrada hoxe en L’Hospitalet de Llobregat
  • Imaxe da reunión celebrada hoxe en L’Hospitalet de Llobregat
    Imaxe da reunión celebrada hoxe en L’Hospitalet de Llobregat
Listen to this page using ReadSpeaker
L’Hospitalet de Llobregat (Barcelona), 22 de novembro de 2022.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo hoxe en L’Hospitalet de Llobregat unha reunión cos centros galegos de Cataluña na que, ademais de planificar as actividades de promoción da cultura galega para os próximos meses, tamén se analizou a gran homenaxe ás e aos emigrantes que chegaron a esta comunidade nos anos 80 e que están a organizar estas entidades.

O acto, no que se agarda que participen máis de 2.000 persoas, terá lugar o próximo 10 de decembro no Gran Teatre del Liceu de Barcelona baixo o título Unha xeración. Dous mundos. Contará coa actuación de 250 artistas baixo a dirección dos referentes musicais Xisco Feijóo e Artur Puga.  

Na reunión estiveron presentes representantes de Xuntanza de Cataluña, da Unión de Asociacións Galegas de Catalunya (UAGALCAT), dos centros galegos de Barcelona, Tarragona e Nós de Sabadelll, da Irmandade Galega de Rubí e de Airiños da Nosa Galicia de Santa Coloma, así como da Asociación Casas de Galicia de Barcelona e Provincia. 

O encontro cos centros ten como obxectivo seguir a traballar no deseño das actividades de promoción da cultura e a lingua galegas durante os próximos meses e enmárcase dentro das reunións habituais que o secretario xeral está a ter con tódolos centros do exterior de cara a programar as iniciativas en prol dos galegos e galegas do exterior.

En relación ao acto de homenaxe ás e aos emigrados a Cataluña nos anos oitenta que están organizando os centros galegos desta comunidade, Rodríguez Miranda destacou esta iniciativa que vén a demostrar como estas entidades, “aínda que se atopan lonxe da terra, seguen a promover a nosa cultura e a traballar por Galicia. Eles son unha parte esencial da nosa historia e axudaron ao noso desenvolvemento e crecemento como sociedade”, explicou Rodríguez Miranda, quen agradeceu o labor que están a realizar “dende fai moitos anos, todas estas asociacións e centros galegos, que manteñen a nosas raíces en Cataluña, que promoven a nosa tradición, a nosa música e a nosa lingua non só entre a colectividade asentada aquí, senón tamén entre a propia cidadanía catalá. Non podemos esquecer que, precisamente, o galego é o terceiro idioma máis falado en Cataluña. O seu labor por manter os lazos con Galicia é esencial”. 

A maiores, Miranda tamén destacou o papel que os galegos e galegas xogaron en Cataluña ao longo destes anos “para axudar ao seu desenvolvemento. Somos un pobo traballador e emprendedor, e a nosa pegada é evidente nesta comunidade autónoma. Eles son esenciais para a nosa sociedade pero tamén para a catalá”. 

406 lecturas