A Xunta leva a exposición ‘El Camino de Santiago’ á Lexislatura da Provincia de Córdoba
O secretario xeral da Emigración inaugurou esta mostra con fotografías de Manuel Valcárcel que permite achegar á Arxentina a experiencia da peregrinación a Compostela.
A exposición foi promovida pola Delegación da Xunta na Arxentina.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inaugurou a exposición fotográfica de Manuel Valcárcel El Camino de Santiago para acercar a experiencia da peregrinación a Compostela ata os arxentinos e arxentinas da provincia de Córdoba. A mostra foi promovida pola Delegación da Xunta na Arxentina.
A exposición, que conta con 16 fotografías e un audiovisual de apoio, atópase instalada na Lexislatura da Provincia de Córdoba. No acto de inauguración estiveron tamén presentes o delegado da Xunta na Arxentina, Alejandro López Dobarro, así como o vicegobernador e presidente da Lexislatura, Manuel Calvo, o cónsul de España en Córdoba, Javier Ignacio Martínez del Barrio, así como diversas autoridades e representantes do CRE de Córdoba e dos distintos grupos parlamentarios.
Tal e como explicou Antonio Rodríguez Miranda, con esta mostra “tratamos de achegar a este país do Cono Sur a creatividade contemporánea vinculada á cultura xacobea, mostrando a grandiosidade da peregrinación a Compostela, onde se conxuga tanto a experiencia persoal, coa presenza constante da natureza e das diferentes paisaxes, a gastronomía e os propios pobos e aldeas españolas polas que transita o Camiño”.
El Camino de Santiago, una experiencia contemporánea de peregrinación é froito do traballo do fotógrafo Manuel Valcárcel, oriundo de Monforte de Lemos, un artista de espírito inquieto que realizou diferentes proxectos relativos á fotografía documental.
Esta mostra inaugurouse en Boston, en 2018, viaxando nos últimos anos por diferentes localidades tanto de países de América como de Europa.
Novas relacionadas