O delegado da Xunta en Bos Aires participa na inauguración da exposición “O Camiño de Santiago” na cidade de Chascomús

A exposición forma parte das actividades de difusión do Ano Xacobeo 21-22 en América.

Proximamente trasladarase á cidade de Rafaela, na provincia de Santa Fe.

  • A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 3 de outubro
    A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 3 de outubro
  • A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 3 de outubro
    A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 3 de outubro
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2021.

O delegado da Xunta en Bos Aires, Alejandro López Dobarro, xunto ao alcalde da localidade, Javier Gastón, participaron o pasado xoves 16 de setembro na inauguración da  exposición El Camino de Santiago. Una experiencia contemporánea de peregrinación.

Esta mostra, que se poderá ver ata o próximo 3 de outubro na Casa de Casco, enmárcase dentro das actividades de difusión do Ano Xacobeo 21-22 en América.

No acto estiveron tamén presentes o presidente e vicepresidente do Centro Lalín, Agolada e Silleda de Bos Aires, José Luis Seoane e José González Costa, a secretaria de Desarrollo Social, Fernanda Sallenave, o subsecretario de Derechos Humanos e Identidad, Pablo Nápoli, a directora do Instituto Historiográfico, Alejandra Bilbao, e o canciller e secretario xeral do Obispado, Lisandro Rodríguez, en representación do bispo diocesano de Chascomús, Monseñor Carlos Humberto Malfa. Lisandro Rodríguez trasladou ás e aos presentes durante o acto a súa propia experiencia ao realizar o Camiño de Santiago.

A mostra, que foi declarada de interese Cultural pola Lexislatura da Cidade Autónoma de Bos Aires e xa se puido ver nas cidades de Mar del Plata, Rosario, Bos Aires e La Plata, trasladarase despois de Chascomús á cidade de Rafaela, en Santa Fe.

Composta por 16 fotografías do artista de Monforte de Lemos, Manuel Valcárcel Cabo, a mostra ofrece unha visión moderna do Camiño de Santiago, e analiza a súa historia como primeiro itinerario cultural europeo e patrimonio mundial, que favoreceu como ningún outro itinerario a creación e consolidación da idea de Europa. Este proxecto aporta, a través da grandiosidade da peregrinación a Santiago nos nosos días, a visión actual das paisaxes polas que atravesa, a súa historia e patrimonio. A maiores, tamén aporta imaxes sobre a propia experiencia da peregrinación, a súa espiritualidade e a convivencia entre as e os peregrinos. 

Chascomús, situada na provincia de Bos Aires, a uns 120 quilómetros da capital do país, ten uns 35.000 habitantes, e foi a cidade natal do expresidente Raúl Alfonsín e do seu fillo Ricardo, actual embaixador da República Arxentina en España, cuxa familia é orixinaria da aldea de Casaldarnos, no concello pontevedrés de Ribadumia.

276 lecturas