A Xunta lanza o programa Retorna Talento FP con 1 M€ para que 108 mozos do exterior cursen Formación profesional en Galicia o próximo curso

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, subliña que o obxectivo é “atraer galegos do exterior para que se formen en Galicia e se incorporen ao noso mercado laboral”.

Destaca que o Goberno autonómico “duplica” a oferta de bolsas para estes alumnos no vindeiro curso.

Ademais, resalta que haberá unha nova modalidade de FP dual, con 60 prazas, nas cales os interesados poderán facer unha parte da formación no seu país de orixe e a outra en centros de ensino e empresas en Galicia.
 

As outras 48 prazas serán para formación específica básica, onde os alumnos recibirán 6.500 € de apoio económico para viaxe, aloxamento e manutención durante o curso.

A iniciativa enmárcase na Estratexia Galicia Retorna 2023-2026.

  • Imaxe da rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta
    Imaxe da rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta
  • Retorna Talento FP
    Retorna Talento FP
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2023.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou hoxe que a Xunta vai reforzar o programa Retorna Talento FP cun orzamento de 1 M € para que un total de 108 mozos do exterior cursen formación profesional en Galicia o vindeiro curso a través de dúas modalidades: a formación específica básica e a FP Dual a distancia. O obxectivo “é atraer galegos do exterior para que se formen en Galicia e se incorporen despois ao noso mercado laboral”, indicou.

Logo da experiencia piloto neste pasado curso cunha vintena de alumnos, que tivo moi boa acollida, amplíase agora o número de centros, as modalidades, o número de prazas e as titulacións ofertadas. Tal e como resaltou Calvo, a Xunta “duplica as bolsas” para este alumnado ao pasar das 54 ofertadas o ano pasado ás 108 do vindeiro curso. E ademais, amplía os estudos para os que se poden recibir estas axudas ao incorporar tamén a modalidade de FP Dual a distancia.

Calvo resaltou que esta iniciativa está enmarcada na Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 coa “que pretendemos facilitar o regreso de miles de galegos do exterior” e que a sociedade galega se enriqueza cos coñecementos e as experiencias profesionais internacionais que acheguen estas persoas que residiron ou naceron no estranxeiro e que agora retornan a Galicia, ao mesmo tempo que se reforza a súa vinculación coa Comunidade Autónoma.

FP dual a distancia
Dentro deste programa, o próximo curso comezará a funcionar a nova modalidade de formación de FP dual a distancia, cun orzamento de 648.000 € e un total de 60 prazas repartidas a razón de 12 nos centros integrados de FP CIFP Ferrolterra (Ferrol), Someso (A Coruña), Universidade Laboral (Culleredo) e nos institutos IES Vilamarín e Chapela (Redondela).

Nesta modalidade, os seleccionados poderán iniciar a súa formación académica no país de orixe e completala coa parte práctica en empresas en Galicia, en función da estrutura dos dous cursos que compoñen cada ciclo.

Así pois, durante o primeiro curso, os estudantes realizarán a primeira parte a distancia desde o país de orixe e unha segunda parte presencial na empresa. No segundo curso académico, haberá unha primeira parte en modalidade semipresencial no centro de formación e unha segunda parte presencial na empresa. Os bolseiros recibirán unha axuda de ata 10.800 euros para os dous anos que dura a formación.

Canto á oferta de ciclos para esta modalidade, poderán cursarse o ciclo superior de Deseño e Amoblamento no CIFP Ferrolterra, o ciclo superior de Proxectos de Edificación no CIFP Someso, o ciclo superior de Desenvolvemento de Proxectos de Instalacións Térmicas e Fluídos no CIFP Universidade Laboral, o ciclo superior de Xestión de Aloxamentos Turísticos no IES Vilamarín e o ciclo medio de Atención a Persoas en Situación de Dependencia no IES Chapela. En todos os casos, a parte de formación práctica, desenvolverase a través de convenios con empresas referentes das contornas dos centros e dos sectores correspondentes.

Formación específica básica
Nesta modalidade, ofértanse un total de 48 prazas para cursar formación específica básica de Albanelaría e Fontanaría no Centro Integrado de Formación Profesional Someso, na Coruña; e de Fontanaría, Calefacción, Electricidade e Telecomunicacións nos CIFP Universidade Laboral (Culleredo) e no Ferrolterra (Ferrol), a razón de 16 prazas en cada centro.

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades destina un orzamento de 312.000 € para o curso 2023/24. As bolsas, dotadas con 6.500 € cada unha delas, inclúen a viaxe desde o país de procedencia, o aloxamento e manutención en Galicia e a subscrición dun seguro médico, de ser o caso.

293 lecturas