A Xunta convoca unha nova edición do Programa Retorna Talento FP na que aposta pola modalidade dual e reforza os beneficios para o alumnado

Convocaranse 120 novas prazas para cursar ata seis ciclos distintos de grao medio e superior na modalidade de FP Dual Intensiva.

Tamén, por primeira vez, poderán cursar a titulación de alta especialización de Automoción en Vehículos de competición, exclusiva de Galicia.

Farano con bolsas de 15.000 €, un 25 % máis, coas que poderán cubrir gastos de viaxe, aloxamento e manutención en Galicia.

Un total de 152 persoas participaron nesta iniciativa desde a súa creación.

A Xunta convoca unha nova edición do Programa Retorna Talento FP na que aposta pola modalidade dual e reforza os beneficios para o alumnado
A Xunta convoca unha nova edición do Programa Retorna Talento FP na que aposta pola modalidade dual e reforza os beneficios para o alumnado
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela (A Coruña), 9 de decembro de 2025.

A Xunta de Galicia vai abrir unha nova edición do programa Retorna Talento FP na que se implementan melloras como a aposta íntegra pola modalidade de FP Dual Intensiva, que combina a formación teórica coa práctica ao longo de todo o período formativo, así como polo incremento das contías para os galegos do exterior que deciden formarse en Galicia a través do devandito programa.  

O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace a esta nova convocatoria, dotada con 1,8 M€, que inclúe bolsas de 15.000 € por estudante (un 25 % máis) para cursar ata seis ciclos distintos de grao medio e superior na modalidade de FP Dual Intensiva. O obxectivo é que ata 120 galegos do exterior poidan vir a Galicia a formarse nestas ensinanzas nos cursos 2026/27 e 2028/29. 

Ademais de ofertar exclusivamente ciclos formativos completos de FP Dual Intensiva, nesta convocatoria inclúese, por primeira vez, unha titulación de alta especialización, unha formación exclusiva de Galicia que está a ter unha grande acollida entre o alumnado e as empresas galegas. Trátase do Ciclo superior de Automoción, con especialización en Vehículos de competición, que se impartirá no Centro Integrado de FP As Mercedes, en Lugo. 

Así mesmo, co fin de facilitar a súa inserción e adaptación ao noso país e a optimización da súa formación e cualificación profesional, o alumnado seleccionado iniciará o curso de xeito presencial no centro educativo, cando antes podía facelo desde o seu país de orixe.

Tamén cómpre salientar o adianto no primeiro pagamento que se fará no trimestre de inicio do curso 2026/27, a diferencia das anteriores convocatorias onde o alumnado o recibía durante o 2º trimestre do curso, dado que o primeiro o facía desde o país de orixe. 

Os ciclos ofertados, con 20 prazas cada un, son os que se inclúen na seguinte táboa:  

 

CONCELLO CENTRO EDUCATIVO CICLO DE FORMACIÓN PROFESIONAL
Ferrol CIFP Ferrolterra Ciclo medio de Soldadura e caldeiraría
Ribeira CIFP Coroso Ciclo medio de Electromecánica de vehículos automóbiles
Lugo CIFP As Mercedes Ciclo superior de Automoción, con especialización en vehículos de competición
Vilamarín CIFP de Vilamarín Ciclo superior de Xestión de aloxamentos turísticos
Poio CIFP de Cantería de Galicia Ciclo medio de Construción
Ponteareas CIFP A Granxa

Ciclo superior de Vitivinicultura

 

Todos eles teñen unha duración de dous cursos académicos. En ambos os anos, os estudantes comezarán cursando o ciclo no centro educativo para despois continuar no centro de traballo ou empresa asignada.  
 
Requisitos 

Poderán participar no programa as persoas residentes no estranxeiro nacidas en Galicia, non nacidas en Galicia (se residiron en Galicia de forma continuada durante 10 anos con nacionalidade española antes de emigrar) e descendentes por consanguinidade de emigrante nacido en Galicia.

Para optar a cursar un dos ciclos do programa participarán nun procedemento de selección dos perfís que mellor se adapten ao programa, tanto a nivel formativo como por parte das empresas, que incluirá unha entrevista por videoconferencia coas persoas solicitantes, que poderán realizar a distancia.

Co importe das bolsas poderán afrontar todos os gastos que se xeren para poder realizar a formación, tales como son viaxe desde o seu país de procedencia, aloxamento e manutención en Galicia e subscrición dun seguro médico, de ser o caso. 

Estratexia Galicia Retorna

Desde o inicio do programa Retorna Talento FP formáronse en Galicia un total de 152 retornados ao abeiro destas convocatorias. Este programa compleméntase coas bolsas de excelencia mocidade exterior (BEME), para universitarios, que lles permiten completar a súa formación académica cursando mestrados nalgunha das tres universidades públicas galegas.

Búscase tamén que a sociedade galega se enriqueza cos coñecementos e as experiencias profesionais internacionais que acheguen estas persoas que residiron ou naceron no estranxeiro. 

354 lecturas