A Xunta abre o prazo para que 108 galegas e galegos do exterior cursen Formación Profesional en Galicia o próximo curso ao abeiro do programa Retorna Talento FP

Na modalidade de FP Dual ofértanse 60 prazas, cunha parte de formación no país de orixe e a outra en centros de ensino e empresas en Galicia.

As e os  estudantes seleccionados neste eido percibirán unha bolsa de 10.800 € de apoio. 

Outras 48 prazas son para formación específica básica, onde os alumnos e alumnas recibirán 6.500€ de apoio económico para viaxe, aloxamento e  manutención durante o curso.

A Consellería de Educación destina case 1M€ a esta iniciativa enfocada a incentivar que os galegos e galegas no estranxeiro se formen en Galicia e se incorporen ao noso mercado laboral.

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 13 de maio.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 13 de maio de 2024
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 13 de maio de 2024
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2024.

A Xunta vén de abrir a convocatoria para solicitar algunha das 108 bolsas Retorna Talento FP para o vindeiro curso 2024/25, dirixidas a que os galegos e galegas do exterior poida realizar estudos de Formación Profesional que lles permitan mellorar a súa cualificación e volver á súa terra de orixe. 

O Goberno galego destina case 1M€ a esta iniciativa, que forma parte da Estratexia Galicia Retorna, coa que o Goberno galego quere incentivar aos galegos e galegas residentes no estranxeiro -tanto emigrantes como descendentes destes- a formarse en Galicia e incorporarse ao noso mercado laboral. 

A través desta acción, enmarcada na Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, búscase tamén que a sociedade galega se enriqueza cos coñecementos e as experiencias profesionais internacionais que acheguen estas persoas que residiron ou naceron no estranxeiro e que agora retornan a Galicia, ao mesmo tempo que se reforza a súa vinculación coa Comunidade Autónoma. 

Como novidade fronte ás convocatorias anteriores, amplíase a idade límite das persoas solicitantes, pasando dos 40 aos 45 anos, favorecendo así que un maior número de persoas galegas que queiran retornar a Galicia poidan facelo acadando unha formación profesional recoñecida que posibilite a súa incorporación ao mercado laboral.

FP Dual á distancia
Nesta modalidade de FP Dual á distancia ofértanse 60 prazas para o vindeiro curso 2024/25. Neste caso, as e os seleccionados poderán iniciar a súa formación académica no país de orixe e completala coa parte práctica en empresas en Galicia, en función da estrutura dos dous cursos que compoñen cada ciclo. 

Así pois, durante o primeiro curso, as e os estudantes realizarán a primeira parte a distancia desde o país de orixe e unha segunda parte presencial nas empresas seleccionadas a través de convenios con firmas referentes das contornas dos centros e dos sectores correspondentes. 

No segundo curso académico, haberá unha primeira parte en modalidade semipresencial no centro de formación e unha segunda parte presencial na empresa. Recibirán unha bolsa de 10.800 euros cada un para afrontar os gastos asociados como a viaxe desde o seu país de procedencia, aloxamento e manutención en Galicia e subscrición dun seguro médico, de ser o caso. 

Os ciclos ofertados son os reflectidos na seguinte táboa:

Concello Centro Ciclo de FP Dual Prazas
Ferrol CIFP Ferrolterra Ciclo superior de Deseño e amoblamento  12
A Coruña CIFP Someso Ciclo superior de Proxectos de edificación 12
Culleredo CIFP Universidade Laboral Ciclo superior de Desenvolvemento de proxectos de instalacións térmicas e de fluídos  12
Vilamarín CIFP de Vilamarín Ciclo superior de Xestión de aloxamentos turísticos  12
Redondela IES de Chapela Ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia 12

 

Formación específica básica
Nesta modalidade, ofértanse un total de 48 prazas para cursar Programas específicos básicos de FP durante o curso 2024/25. Neste caso a bolsa é de 6.500 euros por alumno/a e a relación de programas formativos ofertados é a seguinte:  

Concello Centro Programa formativo de formación específica básica Prazas
A Coruña CIFP Someso Albanelaría e fontanería 16
Culleredo CIFP Universidade Laboral Fontanería, calefacción, electricidade e telecomunicacións en edificios  16
Ferrol CIFP Ferrolterra Fontanería, calefacción, electricidade e telecomunicacións en edificios 16

 

Prazo ata o 13 de maio
O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 13 de maio e deberán facerse a través da aplicación  informática Ciclosadmisión. Os requirimentos son os establecidos na convocatoria: con carácter xeral non ter gozado destas bolsas en convocatorias anteriores, ser residente no estranxeiro e ter nacionalidade española, ter menos de 45 anos e ter algunha relación de orixe ou consanguinidade con Galicia.

607 lecturas