A Xunta aproba o Retorna Talento FP para o vindeiro curso, con axudas de entre 6.500 e 10.800 € para o regreso de 108 rapazas e rapaces galegos do exterior

A modalidade A inclúe 48 prazas para estudar programas vencellados á FP Básica, con bolsas de 6.500€.

A modalidade B conta con 60 prazas para cursar ciclos de FP Dual con axudas de 10.800€, podendo facer unha parte da formación a distancia. 

O orzamento da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para esta convocatoria, que se enmarca na Estratexia Galicia Retorna, é de case 1 M€. 

Bolsas Retorna Talento FP
Bolsas Retorna Talento FP
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2024.

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á convocatoria do programa Retorna Talento FP para o curso 2024/25. O obxectivo é que 108 rapaces galegos do exterior poidan mellorar a súa cualificación e volver á súa terra de orixe, co apoio de axudas de entre 6.500 e 10.800 €.

O orzamento da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades  para esta convocatoria, que se enmarca na Estratexia Galicia Retorna, é de case 1 M€. Neste curso 2023/24 son un total de 34 os rapaces que están a cursar estudos de FP ao abeiro deste programa nos centros integrados de FP Someso (A Coruña), Universidade Laboral (Culleredo), Ferrolterra (Ferrol), Vilamarín (Vilamarín) e no Instituto IES Chapela (Redondela). 

Formación básica
A convocatoria divídese en dúas categorías, en función do tipo de estudos que se ofertan. Así, a modalidade A recolle 48 bolsas para estudar programas específicos básicos de FP durante o curso 2024/25. Neste caso a bolsa é de 6.500 € por alumno e a relación de programas formativos ofertados, a razón de 16 prazas cada un, é a seguinte:

Concello Centro Programa formativo de formación específica básica
A Coruña CIFP Someso Albanelaría e fontanería
Culleredo CIFP Universidade Laboral Fontanería, calefacción, electricidade e telecomunicacións en edificios 
Ferrol CIFP Ferrolterra Fontanería, calefacción, electricidade e telecomunicacións en edificios


60 prazas na FP Dual
No caso da modalidade B, inclúe un total de 60 prazas para cursar cinco ciclos de Formación Profesional Dual nos cursos 2024/25 e 2025/26, cunha bolsa de 10.800 € por estudante. Neste caso, durante o primeiro curso poderán realizar unha parte da formación a distancia, pero a formación práctica nas empresas será sempre presencial, ao igual que todo o segundo curso. 

Os ciclos ofertados, con 12 prazas cada un, son os reflectidos na seguinte táboa:

Concello Centro Ciclo de FP Dual
Ferrol CIFP Ferrolterra Ciclo superior de Deseño e amoblamento 
A Coruña CIFP Someso Ciclo superior de Proxectos de edificación
Culleredo CIFP Universidade Laboral Ciclo superior de Desenvolvemento de proxectos de instalacións térmicas e de fluídos 
Vilamarín CIFP de Vilamarín Ciclo superior de Xestión de aloxamentos turísticos 
Redondela IES de Chapela Ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia


A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades asinará convenios con empresas de referencia das zonas de influencia de cada un dos centros educativos para o período de formación en centros de traballo deste alumnado.

Bolsas BEME
Por outro lado, o Goberno galego lanzou a finais de ano unha nova convocatoria das Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME) para 2024/25, destinadas a fomentar o retorno de universitarias e universitarios menores de 40 anos á Comunidade autónoma, cubrindo gastos como viaxe, matrícula, aloxamento e mantemento. Con axudas que oscilan entre os 8.000 e os 12.500 euros, a iniciativa forma parte da Estratexia Retorna 2023-2026 e investirá máis de 2,5 millóns de euros, ofrecendo preto de 2.000 oportunidades de retorno.

346 lecturas