Rueda destaca que a Xunta ofrecerá o vindeiro curso bolsas para cursar FP Dual a galegos do exterior co obxectivo de promover o seu retorno á comunidade

Agradece ao alumnado participante que fixe a súa residencia na comunidade para “seguir construíndo a Galicia potente que impulsamos entre todos”.

Resalta que favorecer o retorno de galegos do exterior é “unha aposta estratéxica” da Xunta.

O reforzo das bolsas para cursar FP enmárcase na Estratexia Galicia Retorna que busca facilitar e promover o regreso de 30.000 galegos que viven fóra da comunidade ata 2026.

O Goberno galego ofrece outras axudas aos retornados como achegas para afrontar os primeiros gastos do traslado, bolsas para cursar másteres en campus galegos ou unha oficina de asesoramento e información especializada.

  • O presidente participa nunha recepción ao alumnado destes estudos en Culleredo
    O presidente participa nunha recepción ao alumnado destes estudos en Culleredo
  • O presidente participa nunha recepción ao alumnado destes estudos en Culleredo
    O presidente participa nunha recepción ao alumnado destes estudos en Culleredo
  • O presidente participa nunha recepción ao alumnado destes estudos en Culleredo
    O presidente participa nunha recepción ao alumnado destes estudos en Culleredo
Recepción ao alumnado do programa Retorna Mocidade FP
Listen to this page using ReadSpeaker
Culleredo (A Coruña), 14 de xullo de 2023.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou hoxe que a Xunta ofrecerá o vindeiro curso por primeira vez bolsas para que galegos do exterior regresen a Galicia para estudar un ciclo de FP Dual. Esta iniciativa, pola que recibirán axudas 60 estudantes, forma parte da Estratexia Galicia Retorna coa que o Goberno galego quere promover o retorno de 30.000 galegos que viven fóra da comunidade ata 2026. 

Rueda participou, xunto ao conselleiro de Educación, na recepción do alumnado que este ano cursou estudos de FP en Galicia grazas as axudas que ofrece a Xunta a través do proxecto Retorna Mocidade que a partir do próximo curso cando pasará a denominarse Retorna Talento FP. O presidente agradeceu “a valentía” dos que decidiron dar o paso de trasladarse a comunidade galega e que axudan “a seguir construíndo Galicia; a Galicia potente que impulsamos entre todos”; do corpo docente que imparte as clases e das empresas que colaboran nos ciclos de FP Dual, que ven nestes estudos “unha oportunidade para facer fronte as carencias de man de obra formada” que rexistran algúns sectores.

O presidente subliñou a “aposta pola FP” que está realizar a Xunta desde hai anos e que fai que “cada vez máis xente se matricule” nestas ensinanzas. “A FP é a primeira opción para moita xente con moi bos expedientes”, resaltou Rueda, quen cree que gran parte do éxito está en que son ensinanzas que se adaptan ás necesidades e demandas do mundo laboral.

Nesta aposta por reforzar a FP, a Xunta amplía o programa de bolsas para os galegos do exterior que veñen a Galicia a cursar estas ensinanzas. Deste xeito, o Goberno autonómico vai destinar o vindeiro curso preto dun millón de euros a 108 bolsas para que galegos do exterior amplíen a súa formación cursando un ciclo de FP na comunidade. Do centenar de prazas ofertadas, 48 serán para programas específicos de formación -como os que xa se estaban ofertando ata agora en tres centros (o CIFP Universidade Laboral en Culleredo, o CIFP de Someso na Coruña e o CIFP Ferrolterra)- e outras 60 destinaranse á modalidade de FP Dual a distancia que permitirá compatibilizar a teoría con prácticas nas empresas. 

Os alumnos poderán formarse en carpintería, hostalería, coidados, construción ou instalacións térmicas e de fluídos nos cursos que ofertarán cinco centros -Universidade Laboral (Culleredo), Someso (A Coruña), Ferrolterra (Ferrol), IES A Chapela (Redondela) e o CIFP de Vilamarín- e nos que participarán 25 empresas de toda Galicia. Durante o primeiro curso poderán realizar unha parte da formación a distancia, pero as práctica serán sempre presenciais, ao igual que todo o segundo curso.

A contía das bolsas que ofrece o Goberno autonómico oscilará entre os 6.500 e os 10.800 euros por alumno e curso, en función da modalidade de FP elixida. O obxectivo é acadar a integración no mercado laboral galego destes retornados.

Rueda asegurou que facilitar o retorno aos galegos exterior é “unha aposta estratéxica” da Xunta xa que “é un dereito” dos que no pasado tiveron que emigrar ou os seus descendentes e para afrontar “o reto demográfico”. 

Para facilitarlles o retorno, a Xunta impulsa diferente medidas como axudas para afrontar os gastos iniciais da chegada a Galicia; achegas aos que buscan emprender en Galicia; un programa específico para garantir contratos indefinidos a 400 galegos do exterior en postos que no se ocupan con residentes en Galicia; as bolsas BEME para que a mocidade veña á comunidade a estudar un máster ou a Oficina de Asesoramento ao Retorno que acompaña a cada galego no proceso de chegada.

197 lecturas