A Xunta lamenta a falta de planificación do Goberno central para 2011 en materia de inmigración.

Tras o recorte orzamentario deste ano en políticas de integración da poboación inmigrante, superior ao 65 por cento respecto de 2009, as Comunidades Autónomas aínda descoñecen cal será esta vez o criterio de Madrid.

Listen to this page using ReadSpeaker

A menos dun mes de que remate o presente ano, a Secretaria de Estado de Inmigración e Emigración do Ministerio de Trabajo e Inmigración aínda non adiantou as liñas xerais do plan de acción que vai propor desenvolver xunto coas Comunidades Autónomas para o vindeiro ano 2011 na materia da súa competencia.

Durante este ano 2010, a Secretaria de Estado recortou a dotación que achegou a Galicia para o desenvolvemento de programas de inmigración en nada menos que un 65%, diminuíndo dos case 4 millóns de euros que achegou no ano 2009 ata os 1.250.000 que supuxo a achega da presente anualidade.

A pesar deste drástico recorte unilateral levado a cabo polo Goberno Central para o desenvolvemento de políticas de integración de inmigrantes, grazas ao esforzo de financiamento que realizou a Xunta no 2010 para o desenvolvemento de actuacións en materia de acollida e integración, o dispositivo de protección social das persoas inmigrantes puido manterse nunhas condicións axeitadas, e iso malia o marco de fonda crise económica da actualidade.

Reféns das présas
Que a estas alturas do ano o Ministerio de Trabajo e Inmigración non teña anunciado cales van a ser as liñas de intervención nin os programas que van ser financiados con carácter prioritario no vindeiro ano 2011, dificulta a realización dos traballos de planificación da Secretaría Xeral da Emigración. Asemade, incide moi negativamente nas políticas que se vaian desenvolver na Comunidade Autónoma, que se converten en reféns das decisións de última hora do Goberno Central, e das posibles présas xeradas destas determinacións tardegas.

Por outra banda, o feito de que o Goberno central siga sen aprobar o regulamento que desenvolve a Lei de Estranxeiría, incumprindo o mandato desta (que estipulaba que debía estar aprobado en xuño pasado), abre aínda máis incógnitas e interrogantes sobre as pautas a seguir neste eido.

Para a Secretaría Xeral da Emigración, as faltas de previsión e reducións orzamentarias do Ministerio supoñen un claro incumprimento do principio de cooperación que debe existir entre as distintas Administracións públicas; así como unha falta de responsabilidade que, de non corrixirse, pode acabar perxudicando a atención social que están a recibir as persoas inmigrantes que viven en Galicia.

Chamada sen contestar
Cómpre finalmente sinalar que a Secretaría Xeral da Emigración convidou aos representantes dos concellos de A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo a manter unha posible xuntanza entre o Ministerio de Trabajo e Inmigración, a Xunta de Galicia, e máis representantes destas sete grandes cidades galegas, para analizar as previsións existentes en materia integración para o 2011. Sen embrago, e para desgraza dos posibles beneficiarios desas políticas comúns, a data de hoxe ningún deles contestou a antedita invitación.

1785 lecturas