Emigración apoia ás entidades sen ánimo de lucro que traballan co colectivo migrante, a pesar do recorte do Goberno central.

Emigración destinou no pasado ano 2009 un orzamento total de 757.958 euros ás asociacións que traballan con estes colectivos.

No 2010 a Secretaría Xeral da Emigración publicou unha única convocatoria para entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas destinados a favorecer os procesos de acollida e integración da poboación inmigrante e retornada, cunha dotación de 680.000 euros.

Fai fincapé no esforzo que tivo que realizar a Xunta de Galicia para apoiar a realización destes programas a pesar do drástico recorte de financiamento do Goberno central a Galicia no eido da inmigración no 2010, que diminuíu nun 65 por cento.

Listen to this page using ReadSpeaker

A Secretaría Xeral da Emigración reitera o seu compromiso coas asociacións e entidades sen ánimo de lucro que traballan co colectivo migrante, para as que o pasado ano destinou un orzamento total de 757.958 €, a pesar dos recortes en axudas acometidos polo Goberno central neste eido.

Esta contía canalizouse a través dunha convocatoria de axudas para as asociacións de emigrantes retornados e inmigrantes, cunha dotación de 195.000 €; e doutra dirixida a entidades sen ánimo de lucro, para programas destinados a favorecer os procesos de acollida e integración da poboación inmigrante extracomunitaria, con 562.958 €.

Por outra banda, no 2010 a Secretaría Xeral da Emigración publicou unha única convocatoria para entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas destinados a favorecer os procesos de acollida e integración da poboación inmigrante e retornada, cunha dotación de 680.000 €.

A Secretaría Xeral da Emigración fai fincapé no esforzo que tivo que realizar a Xunta de Galicia para apoiar a realización destes programas a pesar do drástico recorte de financiamento do Goberno central á Comunidade Autónoma de Galicia no eido da inmigración no 2010, que diminuíu nun 65 por cento.

A convocatoria para entidades sen ánimo de lucro do 2010 -que inclúe as asociacións de emigrantes retornados e inmigrantes- non exclúe o abonamento de gastos de funcionamento das entidades, pois prevé o financiamento destes gastos ligados á realización dos diferentes programas como gastos indirectos.

Outra variación importante entre as convocatorias do ano 2009 e a convocatoria conxunta do ano 2010 é que, así como a convocatoria destinada ás asociacións de retornados e inmigrantes do 2009 tiña un límite máximo (10.000 €) por asociación, a actual suprimiu ese límite para permitir a presentación de proxectos que poidan ter un maior impacto. A diferenza do que sucedía no 2009, ademais, a convocatoria unificada de 2010 permite o financiamento de gastos de persoal.

Por último, hai que sinalar que a Secretaría Xeral da Emigración comunicou os cambios que se ían producir nas convocatorias a todas as asociacións e entidades sen ánimo de lucro nunha xornada de traballo que se celebrou o 17 de marzo en Santiago de Compostela, na sede da Escola Galega da Administración Pública, á que asistiron a redor de 90 representantes de asociación de retornados e inmigrantes e de outras entidades.

1731 lecturas