Comeza mañá mércores en Vilagarcía un curso de formación en Auxiliar de Xeriatría enfocado a inmigrantes

Listen to this page using ReadSpeaker

O subdirector xeral da Inmigración e do Retorno da Secretaría Xeral da Emigración, Antonio Aguarón, preside mañá a apertura do curso de Auxiliar de Xeriatría enfocado á formación da poboación inmigrante, que se impartirá pola, e na sede da, Federación de Empresarios da Comarca de Arousa (FECA).

Este curso é unha aposta máis da Administración autonómica pola busca de fórmulas que garantan a plena integración social e laboral do colectivo de persoas chegadas desde países de fóra da Unión Europea e para os que, en moitos casos, existen atrancos complementarios á hora de atopar emprego.

Neste ano 2011, Emigración ten destinado 800.000 euros a ONGDs, entidades sociais e concellos para que realicen labores de formación, información e asesoramento xurídico e legal de perosnas retornadas e inmigrantes, mantendo intacto o investimento malia o importante recorte de fondos de cofinanciamento chegados do Goberno Central (máis do 75 por cento só nos dous últimos anos). A Xunta amosa así o seu compromiso real e palpable pola integración do devandito colectivo.

O curso de Auxiliar de Xeriatría, que contará coa presenza de Aguarón mañá ás 11 da mañá, está financiado por fondos da Secretaría Xeral da Emigración, e o encargado da súa impartición é persoal especializado contratado para a ocasión pola FECA.

975 lecturas