O DOG publica o destino de 1.300.000 euros para concellos e ONGDs que favorecen a integración de retornados e inmigrantes.

O DOG publica a relación de administracións locais e entidades subvencionadas ao abeiro de cadanseu programa.

Listen to this page using ReadSpeaker

O Diario Oficial de Galicia publica na súa edición de hoxe mércores dúas resolucións asinadas polo secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, polas que se procede á publicación das subvencións concedidas para programas destinados a favorecer o proceso de acollida e integración da poboación retornada e inmigrante extracomunitaria.

A primeira das resolucións determina o destino de 700.000 mil euros previstos para concellos, mancomunidades de concellos, e consorcios locais. De entre os que reciben máis de 25.000 euros, atópanse o de Vigo (82.130), Verín (41.546), o Consorcio das Mariñas (39.299), Lalín (36.759), Ribeira (35.123), Xinzo de Limia (32.264), e Ames (33.390).

A segunda resolución atinxe ao destino dos 600.000 euros de subvencións para organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento (ONGDs) e outras entidades sen ánimo de lucro que teñan demostrado a realización de actividades encamiñadas á integración dos inmigrantes na sociedade galega. De entre as que reciben 25.000 euros ou máis, sitúanse o Colexio Fogar Santísima Trinidad (61.020), Asociación Sociocultural Formación y Empleo (40.307), Asociación Senegalesa de Pontevedra (38.597), Voluntarias de Caridad San Vicente Paúl de Marín (36.595), Ecos do Sur (34.611), Cáritas Diocesana de Santiago (26.871), Fillas do Divino Celo (25.290), e os Irmáns Misioneiros dos Enfermos Pobres (25.000).

As resolucións hoxe publicadas son unha mostra máis da aposta do Goberno galego por apoiar e dar pulo, na medida do posible neste contexto de fonda crise económica, a un sector da poboación, como son os retornados e inmigrantes extracomunitarios, que pola súa especial vulnerabilidade precisan nesta situación de atención e apoio.

1962 lecturas