A Xunta invita ás e aos madrileños a desfrutar dun destino seguro camiñando a Galicia neste verán

O vicepresidente primeiro interveu na inauguración da Semana Xacobeo 21-22, organizada polas Comunidades Galegas en Madrid.

Alfonso Rueda recordou o traballo feito desde a Xunta para garantir a confianza de peregrinos e peregrinas e turistas perante a década Xacobeo que arranca en Galicia.

  • Imaxe do acto celebrado esta mañá en Madrid
    Imaxe do acto celebrado esta mañá en Madrid
  • Imaxe do acto celebrado esta mañá en Madrid
    Imaxe do acto celebrado esta mañá en Madrid
  • Imaxe do acto celebrado esta mañá en Madrid
    Imaxe do acto celebrado esta mañá en Madrid
  • Imaxe do acto celebrado esta mañá en Madrid
    Imaxe do acto celebrado esta mañá en Madrid
  • Imaxe do acto celebrado esta mañá en Madrid
    Imaxe do acto celebrado esta mañá en Madrid
  • Imaxe do acto celebrado esta mañá en Madrid
    Imaxe do acto celebrado esta mañá en Madrid
Vídeo do acto de presentación da Semana Xacobeo 21-22
Listen to this page using ReadSpeaker
Madrid, 20 de xuño de 2021.

O vicepresidente primeiro da Xunta invitou hoxe aos galegos e galegas residentes en Madrid e a todas e todos os madrileños a camiñar a Galicia este verán e a desfrutar dun Xacobeo especial que centrará o que resta do 2021 no turismo interno para, xa no 2022, abrir as portas do Ano Santo a todo o mundo. Será o inicio da década Xacobeo, na que Galicia terá a oportunidade de celebrar tres Anos Santos.

Alfonso Rueda participou, xunto co alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, na inauguración da Semana Xacobeo 21-22, organizada polas Comunidades Galegas en Madrid. Na súa intervención, o vicepresidente primeiro agradeceu a hospitalidade que Madrid tivo sempre cos galegos e galegas, un dos principais puntos de acollida da diáspora, ata o punto de que a capital de España conta con máis dunha ducia de asociacións de galegas e galegos residentes en Madrid e organizadoras de todo tipo de actividades; entre elas, as que se celebran estes días con motivo do Xacobeo.

Nun acto no que tamén participou o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, Rueda recordou que Galicia leva meses traballando na organización dun Xacobeo seguro coa preparación das rutas e dos albergues, coa formación do seu persoal e coa activación do seguro coronavirus, actuacións postas en marcha para recuperar a confianza de turistas e peregrinas e peregrinos.

“Galicia está preparada”, subliñou o vicepresidente, quen animou aos madrileños e madrileñas a recuperarse dun ano difícil marcado pola pandemia visitando Galicia e desfrutando do mellor dunha terra que coñecen ben, tendo en conta que Madrid é o primeiro lugar de procedencia das e dos turistas que visitan Galicia.

No acto, celebrado no Palacio de Cibeles e presentado pola presidenta do Club de Periodistas Galegos en Madrid, Pilar Falcón, presentouse o vídeo de promoción do Xacobeo Camiña a Galicia, ademais de proxectarse o primeiro documental da serie Madrigallegos: Cruce de caminos.

Ao longo da semana vanse celebrar actividades culturais e folclóricas, así como actos de promoción do Xacobeo en Madrid. O obxectivo é invitar aos seus cidadáns e cidadás a desfrutar dunha terra coñecida e recoñecida polas e polos madrileños que xa está preparada para recibir como destino seguro a turistas e peregrinos e peregrinas, cunha programación e unha oferta que este ano vai dirixida, sobre todo, ao turismo nacional.

725 lecturas