A presentación do libro “Temperando. La gaita gallega y su mundo” pecha os actos da Semana Xacobeo 21 organizada polas asociacións e centros galegos de Madrid

A presentación do libro tivo lugar na sede do Centro Galego de Madrid
A presentación do libro tivo lugar na sede do Centro Galego de Madrid
Listen to this page using ReadSpeaker
Madrid, 28 de xuño de 2021.

A presentación do libro Temperando. La gaita gallega y su mundo de Fernando Molpeceres e Darío Nogueira, pechou no Centro Galego de Madrid os actos programados para a celebración da Semana Xacobeo 21 en Madrid. Este libro foi considerado polos expertos como unha obra imprescindible no mundo de gaita. Nas súas páxinas recóllense multitude de aspectos musicais e culturais sobre este instrumento. 

Fernando Molpeceres é mestre gaiteiro e Darío Nogueira é director artístico da Banda de Gaitas Lume de Biqueira da Asociación Albedro. O seu libro nace, por tanto, da experiencia e a práctica do ensino da gaita e a cultura galegas. 

Molpeceres explicou que nas súas clases incluía datos e curiosidades sobre o mundo da gaita, detalles que foi recuperando ata convertelos na base literaria do libro. Entre eses apuntamentos sorprendentes está a propia orixe da gaita que se sitúa en Oriente Medio, xa que foi Persia onde se acharon os relevos máis antigos. Tras o Imperio Romano, a pista perdeuse ata que a iconografía gótica recuperou a gaita en toda Europa. O porqué se desenvolveu máis entre a cultura celta segue a ser un misterio. En Galicia impúxose durante o século XIX, cando os países buscaban raíces e signos identitarios, a gaita converteuse nunha icona do folclore galego. 

Nogueira sinalou, pola súa banda, que a gaita é un instrumento con limitacións, pero grazas á percusión pódense adaptar temas de case todo o mundo. Aínda se lles resisten algúns xéneros como o tango, “pero en canto nos conviden a Arxentina, retomamos os tangos”, chanceou Nogueira. Tamén defendeu que Lume de Biqueira mantén instrumentos tradicionais, sen pechar a porta a innovar e experimentar coa súa música, algo especialmente importante para atraer ás e os máis novos.

Temperando é unha obra única con intención enciclopédica, dirixida a expertas e expertos e músicos, pero tamén ao público en xeral. Non só é un método de gaita, senón un completo coñecemento do instrumento (organoloxía, afinación, historia) e do mundo que o rodea desde o punto de vista antropolóxico e social (historia, iconografía, traxe tradicional, aprendizaxe, etc.). O libro está coeditado por Ibersaf e a Asociación Albedro, e pódese adquirir nesta ligazón: tienda.ibersaf.es

Ao final da presentación, Fernando Molpeceres impartiu unha breve charla sobre o folclore galego, ilustrada musicalmente pola Agrupación Rosalía de Castro do Centro Galego de Madrid, que interpretou unha mostra dos xéneros máis representativos: alborada, xota, muñeira e un pasodobre. O Pasodobre de Uxía foi escrito polo mestre gaiteiro da Agrupación durante os difíciles momentos da pandemia e está dedicado á súa filla. 

Para pechar o acto, realizouse unha homenaxe a Marisol e Piola, as dúas integrantes de Lume de Biqueira, falecidas o pasado luns nun accidente de tráfico. O presidente da Asociación Albedro, Ángel Hernando, dedicoulles un cariñoso recordo e destacou o carácter vitalista, comprometido e alegre que ambas compartían. “Ímolas levar sempre na memoria e no corazón”, concluíu Hernando. 

Coa presentación de Temperando finalizaron os actos da Semana Xacobeo 21.

Fonte e fotos: Asociacións e centros galegos de Madrid

226 lecturas