A Xunta inicia a execución da Estratexia Galicia Retorna 2026 coa que se impulsará o emprendemento, a formación e o emprego de 30.000 galegas e galegos do exterior

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantiveron hoxe un encontro para avanzar nos programas de emprego da nova planificación.

A Estratexia 2023-26 duplica as medidas e o orzamento anterior incidindo a través dun cento de propostas en catro áreas: laboral, educativa, social e asesoramento.

Ao eido do emprego, o que aglutina unha maior cantidade de medidas, estímase que se destinarán preto de 175 millóns de euros nos vindeiros catro anos. 

A Xunta consolida a súa aposta polo rexuvenecemento da poboación galega e o recoñecemento do dereito ao retorno dos galegos e galegas residentes no exterior.

Imaxe da reunión celebrada hoxe na capital de Galicia
Imaxe da reunión celebrada hoxe na capital de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2022.

A Xunta iniciou hoxe a execución da nova Estratexia Galicia Retorna 2023-26 (ERG2026) coa que con 450 millóns de euros búscase facilitar o regreso á súa terra de 30.000 galegas e galegos do exterior nos vindeiros catro anos, o que incrementaría nun 35% o fluxo actual de retorno ata as 7.500 persoas cada ano. Hoxe abordáronse os programas de emprego desta planificación nun encontro que mantiveron en Santiago de Compostela a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.

O documento, que duplica as medidas e o orzamento da Estratexia anterior, incide a través dun cento de propostas en catro áreas: laboral, educativa, social e de asesoramento, seguimento, coordinación e control. O eido do emprego é o que aglutina unha maior cantidade de medidas (37) que se centrarán no impulso do emprendemento, a formación e o emprego das e dos galegos do exterior cuns 175 millóns de euros ata 2026, segundo as estimacións do Goberno galego.

Deste xeito, na área laboral incluiranse na Estratexia programas de incentivos á contratación na empresa destinados a facilitar a inserción laboral das persoas desempregadas con dificultades particulares para permanecer no mercado de traballo, favorecendo o emprego estable e facilitando o incremento das oportunidades laborais; accións formativas  para a adquisición de competencias e capacidades; e unha actuación para impulsar a creación de empresas cunha fase de de pre-aceleración de acompañamento e titorización dos proxectos e unha de aceleración para os plans de negocio máis viables.  

A Estratexia Galicia Retorna 2023-26, que se aprobou a semana pasada no Consello da Xunta, dá continuidade ao primeiro Plan integral de fomento e apoio ao retorno que se aprobou e puxo en marcha en España: a Estratexia Retorna 2020, aprobada en 2018 e que mantivo a súa vixencia ata este ano. A nova planificación parte da idea do retorno non só como un dereito, senón como unha vantaxe competitiva para incorporar á sociedade galega persoas de distintos países coa súa formación e experiencia profesional e tamén como unha oportunidade para superar o complexo reto demográfico que ten por diante a nosa comunidade.

Trátase dun documento reitor das liñas de actuación para as cidadás e os cidadáns galegos residentes no exterior que, na actualidade, superan o medio millón de persoas, entre emigrantes e as e os seus descendentes. Recolle, así, as principais liñas de traballo en materia de retorno co obxectivo de facer de Galicia a mellor opción para viviren para as galegas e galegos residentes no exterior.

Entre outras liñas de actuacións, ademais das centradas na área laboral, a nova planificación permitirá, entre outros, intensificar o asesoramento, seguimento e apoio integral ás familias no retorno; facilitarase o acceso á vivenda a través da incorporación da figura dos retornados e retornadas ás liñas de axuda para alugueiro, rehabilitación e compra; promoverase a continuidade educativa dos retornados e retornadas e das e dos seus familiares; e facilitarase a participación nos programas de inclusión sociolaboral, reforzando a capacitación das habilidades transversais máis demandadas polo mercado laboral e apostando por programas de desenvolvemento persoal da xuventude retornada.

404 lecturas