Rueda avanza que a Estratexia Galicia Retorna 2026 duplica as medidas e o orzamento da anterior e busca facilitar o regreso de 30.000 galegas e galegos do exterior

Resalta que é unha forma de recoñecer o dereito ao retorno dos galegos e galegas no exterior e unha vía para que Galicia gañe poboación e “compense o saldo vexetativo negativo”.

A nova Estratexia incidirá a través dun cento de propostas en catro áreas principais: laboral, educativa, social e asesoramento.

Contará con 450 millóns de euros, dos que 50 son para actuacións especificamente dirixidas aos galegos e galegas que queren volver á súa terra, 35 máis que a Estratexia Retorna 2020.

O documento dá continuidade á primeira actuación integral de retorno deseñado e posto en marcha en España, que permitiu que nos últimos cinco anos regresaran á Comunidade 28.000 galegas e galegos que residían no estranxeiro.

  • O presidente da Xunta, na rolda de prensa posterior ao Consello
    O presidente da Xunta, na rolda de prensa posterior ao Consello
  • Imaxe do Consello da Xunta de Galicia celebrado hoxe en Santiago de Compostela
    Imaxe do Consello da Xunta de Galicia celebrado hoxe en Santiago de Compostela
  • Imaxe do Consello da Xunta de Galicia celebrado hoxe en Santiago de Compostela
    Imaxe do Consello da Xunta de Galicia celebrado hoxe en Santiago de Compostela
  • Imaxe do Consello da Xunta de Galicia celebrado hoxe en Santiago de Compostela
    Imaxe do Consello da Xunta de Galicia celebrado hoxe en Santiago de Compostela
  • Imaxe do Consello da Xunta de Galicia celebrado hoxe en Santiago de Compostela
    Imaxe do Consello da Xunta de Galicia celebrado hoxe en Santiago de Compostela
Alfonso Rueda - Estratexia Retorna 2023-2026
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2022.

O presidente da Xunta informou hoxe de que o Consello aprobou na súa reunión semanal a nova Estratexia Galicia Retorna 2023-26 (ERG2026), que duplica tanto en número de medidas (un cento) como en orzamento á súa predecesora, a Estratexia Retorna 2020, aprobada en 2018 e que mantivo a súa vixencia ata este ano. “O obxectivo é favorecer o regreso de 30.000 galegos do exterior”, resaltou Rueda, quen lembrou que a primeira Estratexia superou as previsións iniciais de retornos ao partir dun obxectivo de 20.000 ao facilitar finalmente o regreso de 28.000 galegas e galegos ou descendentes a Galicia.

Rueda resaltou que a continuidade deste programa -a primeira edición foi o primeira estratexia integral de apoio ao retorno posta en marcha en España- busca por unha vía facilitar o regreso a todas e todos aqueles galegos “que teñen dereito” a volver á súa terra e por outro lado, “compensar o saldo vexetativo negativo” que rexistra Galicia. En concreto, o presidente lembrou que no primeiro semestre deste 2022, a comunidade rexistrou un saldo vexetativo negativo (-10.651) mentres que o saldo migratorio, é dicir, o número de persoas que chegaron a Galicia, fronte ás que partiron foi positivo: 12.106 na análise das persoas procedentes doutros países e 622, respecto ao trasvase de poboación entre comunidades.

Das catro áreas en que incide a EGR2026, a laboral é a que aglutina unha maior cantidade de medidas (37), seguida da educativa (30), a social (25) e a de asesoramento, seguimento, coordinación e control (8). O documento inclúe, ademais, un aumento de propostas especificamente dirixidas aos galegos e galegas que queiran retornar, que pasan de contar cun orzamento de 15 millóns de euros a 50. A esta cifra hai que sumarlle aquelas medidas que ofrecen algún tipo de incentivo aos galegos e galegas do exterior que decidan regresar á súa terra, o que eleva o orzamento total a 450 millóns.

Trátase do documento reitor das liñas de actuación para as cidadás e cidadáns galegos residentes no exterior que, na actualidade, superan o medio millón de persoas, entre emigrantes e as e os seus descendentes. Recolle, así, as principais liñas de traballo en materia de retorno co obxectivo de facer de Galicia a mellor opción para viviren para as galegas e galegos residentes no exterior.

Respecto aos obxectivos demográficos, ata 2021 foron 28.000 persoas as que chegaron á nosa comunidade integrando unha familia galega, e a nova Estratexia Retorna Galicia márcase superar esta cifra ata chegar aos 30.000 retornados e retornadas.

Entre outras liñas de actuacións, permitirá proporcionar instrumentos de atracción profesional de poboación galega residente no exterior, así como a súa incorporación ao mercado laboral a través de medidas específicas, e potenciaranse as plataformas creadas para a xestión integral da información de interese e o asesoramento técnico. Así mesmo, intensificarase o asesoramento, seguimento e apoio integral ás familias no retorno, e tamén ao emprendemento e ao autoemprego das e dos galegos retornados, en especial no rural galego; facilitarase o acceso á vivenda a través da incorporación da figura dos retornados e retornadas ás liñas de axuda para alugueiro, rehabilitación e compra; promoverase a continuidade educativa dos retornados e retornadas e das e dos seus familiares; e facilitarase a participación nos programas de inclusión sociolaboral, reforzando a capacitación das habilidades transversais máis demandadas polo mercado laboral e apostando por programas de desenvolvemento persoal da xuventude retornada.

244 lecturas