A Xunta de Galicia destinou á atención das e dos galegos da Arxentina e O Uruguai preto de tres millóns de euros só en 2018

Antonio Rodríguez Miranda abriu a súa terceira viaxe do ano á capital bonaerense cunha reunión co delegado da Xunta, Alejandro López Dobarro, na que fixeron balance deste ano e planificación para 2019.

O titular do departamento galego mantivo un encontro coa directiva da Unión Residentes de Dodro en Buenos Aires, que está a celebrar o seu centenario.

  • Miranda fixo entrega ao presidente da Unión Residentes de Dodro en Buenos Aires dun agasallo conmemorativo dos cen anos de vida da entidade
    Miranda fixo entrega ao presidente da Unión Residentes de Dodro en Buenos Aires dun agasallo conmemorativo dos cen anos de vida da entidade
  • Imaxe da reunión do secretario xeral da Emigración co delegado da Xunta de Galicia na Arxentina e o Uruguai
    Imaxe da reunión do secretario xeral da Emigración co delegado da Xunta de Galicia na Arxentina e o Uruguai
Listen to this page using ReadSpeaker
Bos Aires (A Arxentina), 14 de novembro de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, abriu o seu programa oficial de traballo na Arxentina e O Uruguai cunha reunión co delegado da Xunta en ambos países, Alejandro López Dobarro, na que previsiblemente será a terceira viaxe do ano a América. Durante o encontro os representantes do Goberno galego repasaron a actividade levada a cabo polo Goberno galego no destino de preto do 40% dos 516.489 galegos e galegas que hai residindo no exterior. Estes dous países concentran máis de 210.000 cidadás e cidadáns galegos, dos que 175.906 viven na Arxentina e 41.085 no Uruguai. 

Para todos eles e elas a Xunta destinou preto de tres millóns de euros só en 2018, distribuídos tanto a través das 40 entidades galegas coas que se colabora de xeito habitual, como a nivel individual e da propia Delegación da Xunta en Bos Aires e Montevideo. Ademais, só en materia de retorno as e os emigrantes ou descendentes de galegas e galegos beneficiáronse do 25 % das 100 Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME). Doce delas foron para galegas e galegos da Arxentina e outras 13 para as e os do Uruguai.

A oportunidade de Galicia 
“Galicia é consciente de que estes dous países supuxeron no seu momento unha das maiores oportunidades coa que contaron centos de milleiros de galegos durante décadas pasadas. Sábeo e non o esquece, nin o quere esquecer. Por iso non deixa pasar un só día sen estar pendente, tanto a través do departamento que dirixo eu como do que lidera Alejandro López Dobarro, das necesidades máis urxentes dos compatriotas que viven fóra das nosas fronteiras. Nin tampouco de que parte da solución aos seus problemas pode pasar agora por volver á sua terra, Galicia, onde os estamos agardando con máis de medio cento de medidas, recollidas na Estratexia Retorna 2020, para facilitarlles o regreso”, sinalou Miranda.

López Dobarro, pola súa banda, adiantou que só en 2018 a Delegación da Xunta de Galicia atendeu arredor de 8.000 persoas tanto de xeito presencial como telefónico ou dixital, o que pon de manifesto a importancia de que as e os máis de 200.000 galegas e galegos que residen en ambos países conten con atención próxima e de primeira man acerca dos programas e xestións do Executivo autonómico. O delegado da Xunta asegurou, neste senso, que se ten detectado un incremento nas consultas relacionadas co retorno a Galicia como consecuencia da aprobación da Estratexia Retorna 2020.

Centenario con forzas renovadas en Dodro
Trala reunión, ambos representantes do Goberno galego mantiveron un encontro co presidente da Unión Residentes de Dodro en Buenos Aires, que están a celebrar o seu centenario nun momento chave para a entidade. O equipo directivo liderado por Luis Romero está a traballar para dar un novo pulo ao centro galego que o converta en referente dos galegos e galegas procedentes desta zona de Galicia na Arxentina. Para amosar o apoio do Goberno galego a esta entidade, Miranda fixo entrega ao seu responsable dun agasallo conmemorativo dos seus cen anos de vida.

975 lecturas