Miranda viaxa á Arxentina e ao Uruguai por segunda vez este ano para comprobar en persoa a situación dos galegos e as galegas de ambos países

O secretario xeral da Emigración visitará varias cidades do país andino e manterá unha intensa axenda no uruguaio.

Un dos actos centrais do programa institucional do departamento do Goberno galego será a inauguración do cruceiro que marca unha das etapas chave da ruta Xacobea Antártica do Camiño de Santiago.

O responsable autonómico celebrará encontros con participantes nalgúns dos programas do Goberno galego dirixidos aos galegos e ás galegas do exterior.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inicia hoxe unha viaxe que o levará por varias cidades da Arxentina, así como á capital uruguaia, onde manterá unha intensa axenda que lle permitirá visitar varias das entidades galegas máis representativas do país. O responsable autonómico percorrerá, entre outras instalacións, as dunha das sedes sanitarias da Casa de Galicia de Montevideo, as da Unión Hijos de Morgadanes, que está a celebrar o seu centenario, e as do Centro Cultural de España, entre outros. 

O programa institucional, que inclúe varios encontros con participantes nalgúns dos programas que o Goberno galego dirixe especificamente aos galegos e ás galegas do exterior, terá o seu acto central na participación de Miranda no ciclo de encontros da Asociación de Empresarios galegos no Uruguai (Aegu), e rematará co concerto benéfico que organiza a Federación de Sociedades Gallegas de Uruguai polo seu 25 aniversario, en colaboración coa Xunta de Galicia, a favor do Hogar Español de Montevideo. No recital actuará o conxunto galego Queiman e Pousa, que tamén ofrecerá unha actuación o sábado na capital arxentina. 

Un cruceiro en plena ruta antártica
Logo dunha xornada con preto dunha decena de actos, o titular a Secretaría Xeral da Emigración trasladarase a Bos Aires, onde presidirá a inauguración e bendición do cruceiro que marca unha das etapas máis importantes da ruta Xacobea Antártica do Camiño de Santiago, que nace en Ushuaia e recala na capital andina. A continuación, Miranda fará entrega das Compostelas obtidas durante o programa Conecta con Galicia e manterá un breve encontro coas beneficiarias e os beneficiarios da nova convocatoria das Bolsas Excelencias Mocidade Exterior (BEME) no país.

A segunda parte da viaxe transcorrerá entre a capital arxentina, onde o secretario xeral da Emigración pechará a súa visita ao país, e as cidades de Santa Fe e Rosario, ata as que se desprazará o domingo para reunirse cos seus socios e socias e persoal directivo. O obxectivo desta segunda incursión anual en terras andinas é coñecer de primeira man a situación actual das e dos galegos residentes no país, e achegarse a aquelas comunidades que se atopan fóra do ámbito da capital, e que aglutinan un gran número de cidadás e cidadáns galegos.

555 lecturas