Miranda comeza a súa primeira viaxe da lexislatura a Arxentina e Uruguai cun contacto directo coa diáspora, e para fortalecer as relacións entre a Xunta e ambos países

O secretario xeral da Emigración manterá cadansúa reunión cos directivos  e directivas de tódalas comunidades galegas presentes a ambas beiras do Río da Prata.

Manterá ademais contactos institucionais co Goberno da Cidade de Bos Aires, e numerosos encontros coa colectividade galega, que suma máis de 200.000 residentes en total.

Igualmente, presentará as novas liñas de traballo para facilitar que as segundas xeracións de galegas e galegos do Exterior volvan a Galicia, entre as que estarán as ‘Becas Excelencia Mocidade Exterior’.

O alto cargo asistirá finalmente, canda o embaixador español e o delegado da Xunta, á Romaría do Centro Galego de Montevideo, o máis antigo do mundo en funcionamento.

Antonio Rodríguez Miranda
Antonio Rodríguez Miranda
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inicia hoxe unha nova viaxe ás repúblicas de Arxentina e Uruguai, para coñecer de primeira man a actualidade que viven galegas e galegos nestes dous países. Segundo os últimos datos do INE, na Arxentina residen arestora 170.645 paisanas e paisanos, dos cales 126.409 (o 74’07 por cento) naceron xa na diáspora; e no Uruguai, habitan 40.660 galegas e galegos, dos que 32.203 (o 79’20 %) son tamén galegas e galegos nados fóra da Galicia territorial.

Acompañado en todo momento polo delegado da Xunta en Arxentina e Uruguai, Alejandro López Dobarro, Miranda desenvolve unha completa axenda de contactos institucionais que comezará hoxe xoves nunha reunión con Pamela Malewicz e Adrián Varela, que son respectivamente a subsecretaria de Dereitos Humanos e Pluralismo e mailo director xeral de Colectividades do Goberno da Cidade de Bos Aires.

Na súa primeira viaxe ao país nesta lexislatura, Miranda manterá unha xuntanza cos e coas representantes de tódalas comunidades galegas presentes na Arxentina, e acudirá despois a presentar as novas liñas de traballo para facilitar que as segundas xeracións de galegas e galegos do Exterior volvan a Galicia, entre as que estarán as ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’.

‘Compostelas’
Miranda e Dobarro presidirán asemade a presentación do libro de Alberto Cacharrón Crónicas de un Bicigrino sobre o Camiño de Santiago, e fará entrega de cadansúa ‘compostela’ a mozas e mozos participantes no  programa ‘Conecta con Galicia 2016’.

Xa mañá venres, Miranda e Dobarro reuniranse co equipo coordinador dun CD musical que se está a preparar sobre o evento ‘Buenos Aires celebra Galicia’, e recibirán así mesmo na Delegación da Xunta en Bos Aires a varias e varios representantes de comunidades galegas na Arxentina, entre elas a secretaria da Asociación Civil Fillos do Concello de Zas -membro da Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas-, Beatriz Carballo.

En Uruguai
Sempre en compañía do embaixador español no país, o tamén galego Roberto Varela, e do propio López Dobarro, xa na xornada do sábado Miranda desprazarase ata Uruguai para reunirse cos e coas representantes de tódalas comunidades galegas presentes no país, e manterá unha xuntanza de traballo específica co presidente do Centro Pontevedrés Social e Deportivo -tamén membro da Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas-, Valentín López.

Repetirán os tres altos cargos na capital uruguaia a presentación das novas liñas de traballo para facilitar que as segundas xeracións de galegas e galegos do Exterior volvan a Galicia, entre as que estarán as ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’, a presentación do libro de Alberto Cacharrón, e a entrega de ‘compostelas’ ás e aos participantes procedentes de Montevideo e que participaron no programa ‘Conecta con Galicia’. Despois, presidirán a Homenaxe aos Benefactores do Fogar Español de Montevideo.

Para rematar esta viaxe, e xa na xornada do domingo, Varela, Miranda, e Dobarro, acudirán a compartir coa importante colectividade galega presente en Uruguai unha das grandes celebracións da diáspora galega no mundo, a Romaría do Centro Galego de Montevideo, na súa sede do Campo de Carrasco.

1265 lecturas