Miranda salienta na Habana que o programa Retorna Cualifica Emprego é “o pulo definitivo para facilitar o regreso dos galegos do exterior”

O secretario xeral da Emigración explicou, da man da Federación de Sociedades Gallegas de Cuba, as liñas básicas da nova Estratexia Galicia Retorna (ERG2026), integrada por un cento de medidas e que busca facilitar o regreso á Comunidade de 30.000 galegas e galegos do exterior. 

  • Imaxe da presentación da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 na Habana
    Imaxe da presentación da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 na Habana
  • Imaxe da presentación da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 na Habana
    Imaxe da presentación da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 na Habana
Listen to this page using ReadSpeaker
A Habana (Cuba), 12 de xuño de 2023.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presentou a nova Estratexia Galicia Retorna 2026 (ERG2026) na Habana, da man da Federación de Sociedades Gallegas de Cuba, contando cunha ampla asistencia de galegas e galegos residentes nesta illa caribeña. No acto destacou a  medida máis novidosa do cento coas que conta a nova estratexia: o Programa Retorna Cualifica Emprego, que ten como obxectivo ofrecer formación e un contrato indefinido en Galicia para ata 400 galegas e galegos do exterior.

Cuba é o terceiro país con maior número de cidadás e cidadáns galegos residentes na actualidade, case 47.000, tras Arxentina e Brasil.  

Tal e como explicou Antonio Rodríguez Miranda, esta acción divulgativa ten como obxectivo achegar a todas estas persoas a nova Estratexia que conta con 100 medidas para fomentar o retorno e un orzamento de máis de 450 millóns de euros. 

“Entre todas elas, cabe destacar as relativas ao ámbito laboral, xa que contar cun emprego facilita o éxito do regreso e as posibilidades de establecerse de xeito definitivo na nosa sociedade”, engadiu o secretario xeral, de aí que se destinen 175 millóns ao desenvolvemento de 37 medidas que teñen que ver coas competencias profesionais e laborais das persoas beneficiarias. 

Dentro deste ámbito laboral destaca o programa pioneiro Retorna Cualifica Emprego, iniciativa que busca casar as vacantes das empresas coas necesidades laborais das e dos retornados. A través desta iniciativa, a Xunta ten previsto que máis de 400 galegas e galegos do exterior con formación regresen a Galicia este ano cun contrato indefinido na man, ademais de dispor de asesoramento e tutela na súa nova andaina. O Goberno galego investirá case 4 millóns de euros nesta iniciativa coa que se dá un novo chanzo para adaptar as necesidades do mercado laboral á man de obra que precisa.

Esta novidosa medida  permitirá aos seus beneficiarios e beneficiarias volver á súa terra de orixe cun contrato dunha duración indefinida e unha axuda económica para financiar os gastos iniciais, tanto da viaxe de ida a Galicia coma outros de establecemento na Comunidade. 

A Estratexia Galicia Retorna 2023-26 duplica tanto en medidas como en orzamento á anterior, posta en marcha en 2018 e que “marcou un punto de inflexión nas políticas de retorno levadas a cabo en España ata o momento”, segundo sinalou Miranda. Co obxectivo de seguir facendo de Galicia a mellor opción para vivir para as galegas e galegos residentes no exterior, o documento incide en catro áreas principais: asesoramento e seguimento, eido social, educativo e laboral.

497 lecturas