Villares reinvidica ao Seoane que "conectou as dúas Galicias" na presentación do seu Epistolario dixital

Os "Epistolarios" son unha iniciativa do Consello da Cultura Galega para recuperar e publicar en rede a correspondencia de destacados persoeiros da nosa cultura.

Na imaxe, o acto de presentación do 'Epistolario' na sede da Fundación Luis Seoane na Coruña.
Na imaxe, o acto de presentación do "Epistolario" na sede da Fundación Luis Seoane na Coruña.
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2014.

O Consello da Cultura Galega presentou esta tarde na Fundación Luís Seoane o Epistolario dixital de Luís Seoane, un ambicioso proxecto en Internet que permite explorar as relacións humanas e a vida dun artista "que conectou as dúas Galicias, a americana e a europea", en palabras de Ramón Villares. Na presentación participaron o presidente do CCG, Carlos Negreira, alcalde da Coruña, Xosé Díaz, Secretario da Fundación Seoane e a documentalista Emilia García.

Explora o Epistolario de Luís Seoane
O carácter de ponte de Luís Seoane entre a emigración, o exilio e a Galicia sirve de decisión simbólica de comezar cun ambicioso proxecto de recuperación da correspondencia entre destacadas figuras da cultura galega, ao que seguirán tamén os epistolarios de figuras como Valentín Paz Andrade ou Silvio Santiago, ata agora inéditas e en arquivos privados.

Un xeito innovador de ler correspondencia histórica
O Epistolario de Luís Seoane é unha iniciativa inédita, que permite á persoa usuaria adentrarse na complexa rede de relacións persoais de Luís Seoane coa intelectualidade latinoamericana e galega a través da consulta liñal e cruzada de máis de 1.600 misivas enviadas por Seoane ou remitidas ao artista por parte dalgunhas e dalgúns dos artistas e promotores culturais máis relevantes da Arxentina ou Galicia do século XX. En total máis de 200 persoas que reciben ou remiten cartas ao artista.

Os Epistolarios, que poden consultarse no enderezo web epistolarios.consellodacultura.org, son un innovador xeito de acceder a unha inxente e heteroxénea fonte documental. Dixitalizados, editados e contextualizados por un equipo de filólogos e documentalistas, están concebidos e anotados para permitir a navegación horizontal e exploratoria a través de persoas ou temáticas mencionadas nas cartas.

Esta é unha primeira fase de publicación da correspondencia de Seoane, que comprendeu as súas comunicacións persoais coa intelectualidade arxentina e co grupo vigués e de Galaxia.

Nos vindeiros meses irase ampliando a colección de cartas atendendo a outras unidades temáticas, coma o grupo vinculado a Sargadelos e as súas amizades do exilio.

 

Fonte e foto: Consello da Cultura Galega

633 lecturas