Arxentina celebra o centenario do nacemento de Luis Seoane cunhas xornadas culturais
As actividades realizaranse na Casa da Cultura entre os días 22 e 23 de setembro.
Hai cen anos nacía en Bos Aires, un dos maiores símbolos da arte galega do século XX. Luis Seoane, fillo de emigrantes galegos, está considerado como un artista cosmopolita que realizou unha achega persoal á modernización cultural do país, á vez que dinamizou a produción cultural galega.
Deste xeito a Casa da Cultura e o Fondo Nacional das Artes de Bos Aires réndenlle unha homenaxe no centenario do seu nacemento con dúas xornadas sobre a súa persoa e a súa arte.
A programación arranca o día 22 de setembro na Casa da Cultura cunha charla a cargo de Fernando Devoto titulada Entre dous mundos:Luis Seoane, o exilio galego e as culturas antifascistas.
Tamén formarán parte da programación mesas redondas que abordarán temas como Seoane e a renovación da prensa galega dos anos 40 e a Memoria e escritura. Representacións da emigración na poesía de Luis Seoane.
Tras a celebración destes actos, chegará a sesión de clausura, o xoves (23), cunha conferencia a cargo do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, sobre os Proxectos de Luis Seoane para Galicia.
Novas relacionadas