Unha obra reivindica o papel intelectual de Luís Seoane dende Arxentina

A obra recolle 16 intervencións, ademais da reprodución facsimilar da súa biografía en Grial e a recompilación das obras que sobre Seoane se fixeron de 1979 ao 2010.

Listen to this page using ReadSpeaker
19 de decembro de 2011.

Presentación de "Luís Seoane. Galicia-Arxentina: unha dobre cidadanía"Luís Seoane. Galicia-Arxentina: unha dobre cidadanía recolle as intervencións levadas a cabo o ano pasado nun congreso que serviu, segundo explicou a pasada semana o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, para reflectir non tanto o Seoane artista, xa recoñecido, senón a súa figura como intelectual.

Recordou, nun acto que presidiu na Fundación Luís Seoane o alcalde coruñés, Carlos Negreira, os seus sentimentos como un «emigrante dun país soñado máis que vivido», segundo se recolle na súa correspondencia con Mariño Dónega. Villares destacou que Seoane foi «emigrante, exiliado, retornado e soñador sistemático para construír un proxecto global para Galicia, baixo ás ideas da República e as experiencias do exilio».

O presidente do Consello da Cultura Galega destacou que o congreso, celebrado o ano pasado na Universidade compostelá e a Fundación Luís Seoane, «foi case un diálogo entre Galicia e Bos Aires e fíxose xustiza con iso de que durante un tempo Galicia non tiña capital e Bos Aires actuou como capital cultural».

Tamén recordou a importancia do intelectual como coordinador dos exiliados e as exiliadas, xunto á súa muller, Maruxa, pero non coa imaxe lacrimóxena senón como enlace con creadores como Fernández del Riego, a Editorial Galaxia ou a súa relación con Díaz Pardo, que o levou ao Grupo Castro e ao Maside.

A obra presentada, e que en parte tamén se editará en Arxentina, recolle 16 intervencións, ademais da reprodución facsimilar da súa biografía en Grial e a recompilación das obras que sobre Seoane se fixeron de 1979 ao 2010.

 

Foto: Consello da Cultura Galega

1042 lecturas