'El vidrio roto' recolle os 46 contos de Pardo Bazán escritos na Arxentina

O libro editado por Mar Maior-Galaxia, en cuxa temática tamén se trata o tema da emigración, foi presentado en Santiago de Compostela.

A este primeiro volume de corenta e seis contos seguiralle un segundo exemplar conformado por máis de cincuenta relatos publicados por Emilia Pardo Bazán na prensa cubana, mexicana e estadounidense.

Na imaxe, de esquerda a dereita: Freixanes, González Herrán e Villanueva durante o acto de presentación. Foto: R. Escuredo - El Correo Gallego
Na imaxe, de esquerda a dereita: Freixanes, González Herrán e Villanueva durante o acto de presentación. Foto: R. Escuredo - El Correo Gallego
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2015.

O estudioso José Manuel González Herrán presentou en Santiago o libro El vidrio roto (Galaxia), unha recompilación de 46 contos escritos pola autora galega Emilia Pardo Bazán e publicados durante os seus últimos vinte anos de vida nalgúns dos máis soados xornais e revistas arxentinas, algúns especialmente dirixidos á comunidade galega. Son relatos breves, eficaces, inspirados na condición humana e nos conflitos sociais da época.

O profesor González Herrán reuniu por primeira vez esta produción dispersa -entre 1892 e 1921- en publicacións como "Caras y Caretas", "Plus ultra" e o xornal "La Nación" de Bos Aires. O título do compendio, El vidrio roto, supón unha sincera homenaxe a un dos contos que contén este volume, e do que se falou hoxe en Compostela como "unha auténtica obra mestra" que versa sobre a temática da emigración e que, do mesmo xeito que todos os relatos creados para prensa, destaca pola súa brevidade.

Tamén sobresae por manterse fiel ao estilo de escritura que demostrou a autora galega nas súas publicacións europeas, feito que permite ter "unha idea moi precisa de como son os contos de Emilia Pardo Bazán", expresou na conferencia González Herrán. O escritor sinalou que con este exemplar que agora viu a luz non se terminou o labor recompilatorio, xa que "non temos a seguridade de que a tarefa conclúa", porque poden aparecer novos contos dispersos en prensa próximamente.

O director da Real Academia Española (RAE), o vilalbés Darío Villanueva, arroupou esta tarde ao seu gran amigo González Herrán, un especialista ao que situou "entre as persoas que máis controlan a obra cuentística de Pardo Bazán". O director da RAE recordou que o seu gran amigo localizou "uns seiscentos relatos" desta escritora "extraordinaria" nada na Coruña e de orixe aristocrática. Sobre a autora, Villanueva remarcou que, con esta obra, "faise xustiza" a unha "muller contradictoria" que ten no seu xerme "unha mestura tensa de conservadurismo, pero moi poroso e aberto a todos os estímulos".

"E non é unha colección esta -proseguiu Villanueva- na que Galicia estea especialmente presente, pero si está presente o conxunto temático de Emilia Pardo Bazán". Tras falar da irresistible personalidade desta ilustre, Darío Villanueva recordou que Emilia Pardo Bazán non gozaba de especial simpatía entre os galeguistas coetáneos, como Álvaro Cunqueiro ou Manuel Murguía. En este mesmo acto, Víctor Freixanes, responsable da editorial Galaxia, presentou este volume da colección "Mar Maior", a cal pretende "abrir mercados para a cultura galega" nas "patrias irmás", como son, precisou, o público portugués e hispanofalante.

A este primeiro volume de corenta e seis contos seguiralle un segundo exemplar conformado por máis de cincuenta relatos publicados por Emilia Pardo Bazán na prensa cubana, mexicana e estadounidense. "Mar Maior" recolle, deste xeito, a obra daqueles "autores e autoras que sendo galegos e respirando Galicia por todas partes, utilizaron outras linguas", puntualizou o directivo de Galaxia. "El vidrio roto", a última entrega, inclúe tamén "unha mínima análise" de cada conto da "mellor autora de contos en España no século XIX e principios do XX", concluíu a súa explicación Víctor Freixanes.

 

Fonte: NoticiasGalicia.com | Foto: El Correo Gallego

882 lecturas