Santalices participa nunha homenaxe a Emilia Pardo Bazán organizada polas asociacións galegas de Madrid

O presidente do Parlamento reivindica a figura da escritora, “adiantada ao seu tempo”  e agradece o labor do asociacionismo galego en Madrid, “os mellores embaixadores que ten Galicia”.

Imaxe da homenaxe celebrada esta mañá na capital de España
Imaxe da homenaxe celebrada esta mañá na capital de España
Listen to this page using ReadSpeaker
Madrid, 24 de xuño de 2021.

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta mañá na homenaxe que as diferentes asociacións galegas de Madrid tributaron á escritora Emilia Pardo Bazán, coincidindo coa celebración do primeiro centenario do seu falecemento. O acto incluíu unha ofrenda floral na Basílica da Concepción, onde repousan os restos da escritora.
 
Nunha breve intervención, o titular do Lexislativo autonómico gabou a actividade que desenvolven as diferentes entidades e organizacións que agrupan ás galegas e galegos asentados en Madrid, aos que felicitou por tributar esta homenaxe a unha galega universal, e tamén “madrigalega”, en referencia a Emilia Pardo Bazán.

Para Santalices, as e os integrantes do asociacionismo galego constitúen “os mellores embaixadores que ten Galicia” en permanente efervescencia e sempre dispostos a axudar aos seus paisanos e paisanas.

Santalices reivindicou o perfil de Pardo Bazán, “unha muller adiantada ao seu tempo” que, hai máis de un século plantexou cuestións que arestora se manteñen plenamente vixentes, como a igualdade do home e da muller ou a necesidade de que as mulleres puidesen acceder a unha educación de calidade.

O Parlamento de Galicia sumarase á conmemoración do centenario de Pardo Bazán patrocinando, canda a Real Academia Galega, unha edición monográfica, en galego, do principal ensaio feminista da autora: “La educación del hombre y de la mujer”, publicado en Nuevo Teatro Crítico en 1892, pero nunca editado de maneira independente.

A ofrenda floral enmárcase nas actividades programadas co gallo da Semana Xacobeo 21 en Madrid que se celebra desde o 19 de xuño.

Participaron nesta actividades representantes das diferentes entidades galegas de Madrid, como a Orde da Vieira, o Centro Galego de Madrid, o Club de Periodistas Galegos de Madrid ou a Asociación de Amigos do Camiño, entre outras, así como do Concello de Madrid. E tamén personalidades como o académico Darío Villanueva, ou o xurista e diplomático Marcelino Oreja.

Fonte e fotos: Parlamento de Galicia

605 lecturas