A Xunta organiza unha homenaxe á figura de Fernández del Riego na que participarán a Real Academia Galega, o Consello da Cultura, a Fundación Penzol e a Editorial Galaxia.
En www.galiciaaberta.com pódese visionar unha entrevista a un dos grandes protagonistas da cultura galega no último século.
O Goberno galego celebrará o vindeiro 1 de decembro un acto de recoñecemento da sociedade galega á memoria do intelectual galeguista.
A Xunta de Galicia vén de convocar á Real Academia Galega, ao Consello da Cultura Galega, á Fundación Penzol e á Editorial Galaxia a unha homenaxe conxunta a Francisco Fernández del Riego. Estas institucións participarán o vindeiro mércores, día 1 de decembro, no acto que organiza o Goberno autonómico como recoñecemento da sociedade galega ao intelectual galeguista.
Fernández del Riego, que faleceu o pasado venres en Vigo aos 97 anos, foi un dos protagonistas dos grandes fitos da cultura galega do século XX. Así, o que fora presidente da Real Academia Galega e o seu membro máis antigo, era un dos últimos vínculos do presente co primeiro Grupo Nós, co Instituto de Estudos Galegos e co Partido Galeguista.
Ademais, Francisco Fernández del Riego caracterizouse polo seu talante emprendedor, que o levou a fundar empresas e iniciativas culturais aínda hoxe en plena vixencia. É o caso da Editorial Galaxia, que fundou canda Ramón Piñeiro e Xaime Isla Couto, da Fundación Penzol ou da revista Grial, da que foi o primeiro director.
Entre as súas múltiples achegas á dinamización da cultura galega destacan a promoción e o impulso que Fernández del Riego lle deu á iniciativa de constitución dunha festa anual para a lingua galega, a través da instauración do Día das Letras Galegas.
A súa entrega a Galicia e á súa cultura foi premiada en 2001 coa Medalla de Ouro de Galicia, a máis alta distinción do Goberno autonómico, que tamén recoñeceu o seu labor noutros momentos coa Medalla Castelao ou o Premio das Artes e das Letras de Galicia.
A homenaxe que organiza a Xunta de Galicia ten por obxecto poñer en valor o inmenso legado de Francisco Fernández del Riego e reunir ao conxunto da sociedade galega ao redor do tributo á súa figura.
Picar aquí para ver a entrevista a Francisco Fernández del Riego.
Novas relacionadas