Miranda, canda Villanueva, Ónega e Santín, asiste á presentación de «Gallegos en la Real Academia Española», obra de Luis Miguel Aparisi
- De esquerda a dereita: Luis Miguel Aparisi, autor do libro; Darío Villanueva, director da RAE; Antonio R. Miranda, secretario xeral da Emigración, e Enrique Santín, fundador da Asociación de Empresarios Gallegos de Madrid
- Na imaxe, momento do acto de presentación do libro que tivo lugar nos salóns da sede da institución académica en Madrid
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu á presentación do libro Gallegos en la Real Academia Española, na sede desa mesma institución, acto no que tamén estiveron presentes o presidente da RAE, Darío Villanueva, o fundador da Asociación de Empresarios Galegos en Madrid, Enrique Santín, o director da Casa de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, o académico galego José Terceiro, e mailo autor do libro, Luis Miguel Aparisi, así como numeroso público que saudou a posta en común desta nova publicación.
O libro, segundo salientou Miranda, “contribúe dunha maneira ponderada, e moi ben documentada, a poñer en valor o traballo e valor histórico dalgúns dos moitos paisanos que residen fóra da Comunidade”. Na actualidade, e sen contar as segundas xeracións con nacionalidades estranxeiras, son case un millón os galegos e galegas que residen fóra do territorio: máis de 500.000 no estranxeiro e máis de 300.000 no resto de España, das e dos cales case 80.000 viven en Madrid.
Recordou tamén o secretario xeral da Emigración que “no aspecto máis específico do labor desenvolvido polos galegos retratados no libro, congratúlame especialmente o seu labor por canto contribuíron, coas súas particulares achegas, á grandeza da lingua e cultura españolas, ata converter o idioma común da nosa nación, e de tantas nacións do mundo, nun dos referentes fundamentais de futuro”, afirmou o secretario xeral, quen salientou ademais a importancia do galego como ponte con esoutra grande irmandade lingüística que é a lusofonía.
Desde a súa fundación
Na introdución, Darío Villanueva -unha das figuras apuntadas no libro- sinala que Gallegos en la Real Academia Española ofrécenos “un cumprido repertorio dos vinte e nove académicos numerarios e os vinte e oito correspondentes que a nosa terra proporcionou” á institución. “Galicia contribuíu de maneira sostida e xenerosa á historia tricentenaria da RAE desde os seus propios inicios”, explica Villanueva, que menciona como exemplo a un dos fundadores, Andrés González Barcia.
A obra, que recolle unha breve historia da RAE xunto aos perfís biográficos dos académicos, quere ser, segundo explica o seu autor, “unha homenaxe a aqueles que traballaron e traballan axudando a perpetuar e mellorar o idioma que é común a máis de cincocentos millóns de persoas”. Un idioma, sinala Aparisi, “compatible cos que se desfrutan, ademais do castelán, noutras comunidades”.
Novas relacionadas