Editorial Galaxia inaugura unha nova etapa: Galaxia dixital

O proxecto ‘Mar Maior’, pensado para lanzar a cultura galega noutras linguas, inicia as súas actividades en Bos Aires, Bruxelas e Madrid.

A Xunta de Accionistas aprobou unha nova ampliación de capital.

Listen to this page using ReadSpeaker
Vigo, 8 de agosto de 2014.

Editorial Galaxia vén de aprobar, en xunta xeral de accionistas, unha ampliación de capital para desenvolvementos estratéxicos. Estes desenvolvementos inclúen a creación dunha plataforma dixital para a promoción, difusión e comercialización de produtos culturais (Galaxia Dixital), sempre relacionados coa cultura galega e, inicialmente, apoiados no mundo do libro (edición en papel e descargas de e-books).

Complementariamente, e na procura de mercados exteriores, lanzaranse nos próximos meses as empresas Mar Maior-Editorial Galaxia S.A. e Gatipedro S.L., que iniciarán as súas actividades en Bos Aires en marzo do vindeiro ano e que se presentarán, proximamente, en Bruxelas, en Madrid e en Brasil (ano 2016).

A ampliación de capital pretende chegar aos 600.000 euros en dous anos, para o cal se abriu un proceso que, a data de hoxe, acada xa 270.000 euros, segundo se informou na xunta xeral de accionistas. A emisión consta de paquetes nominativos de 18 accións a 1.008 euros por paquete e poderán subscribirse en distintas etapas ao longo de todo o presente ano 2014 ata a próxima xunta xeral no ano 2015.

O desafío da edición dixital
Para afrontar os desafíos que as novas tecnoloxías e os mercados da globalización impoñen, Editorial Galaxia S.A. promoverá unha plataforma dixital específica para o libro e os produtos culturais galegos, "que non será incompatible e poderá colaborar ou mesmo instalarse noutras plataformas xa operativas, pero que marcará de xeito moi específico a identidade galega, porque sen identidade non existimos".

Esta identidade está na lingua e na produción cultural de Galicia, segundo os seus promotores, que quixeran ter operativas as primeiras fases da plataforma contra final deste ano ou no primeiro trimestre do ano 2015. Daquela presentaranse os primeiros 200 títulos para descargas dixitais, todos eles do catálogo histórico da editora, tanto clásicos como contemporáneos.

Nova Marca Editorial
Mar Maior-Editorial Galaxia S.A. nace coa intención estratéxica de proxectar a cultura galega no mundo, en calquera soporte tecnolóxico e en calquera lingua. No primeiro trimestre do ano próximo sairán os primeiros títulos na Arxentina. Para outono deste ano están previstas as primeiras saídas en Bruxelas e Madrid; e estase a traballar na constitución da filial en Brasil (Salvador de Baía ou Sao Paulo) para os primeiros lanzamentos en portugués do Brasil contra finais do ano 2015 ou no primeiro trimestre de 2016.

Os primeiros títulos pensados para o público arxentino son: Historia de Galicia de Ramón Villares, cun capítulo especial dedicado á cidade de Bos Aires e a presenza histórica dos galegos e as galegas na Arxentina; Circe o el placer del azul, de Begoña Caamaño (traducida por Xosé Antonio López Silva), Huinca Loo de Xavier Alcalá (traducida polo propio autor); El vidrio roto. Cuentos para las Américas de Emilia Pardo Bazán, relatos recuperados da prensa arxentina que a escritora galega publicou a finais do século XIX e nos primeiros anos do século XX, con prólogo do profesor González Herrán, e El libro de las Siniguales y el único Sinigual da novelista arxentina de orixe galega María Rosa Lojo, ilustrado por Leonor Beuter.

En outono Mar Maior-Editorial Galaxia presentará en Madrid, ademais dos anteriormente citados, a obra en castelán de Álvaro Cunqueiro (El año del cometa, Fanto Fantini, Las flores del año mil y pico de ave y Tertulia de boticas prodigiosas), Xulia Alonso (traducción de Futuro imperfecto) e Laura en el desierto de Antón Riveiro Coello, traducido por Xosé Antonio López Silva. Para a primavera de 2015 está prevista a saída dos primeiros títulos da obra que escribiu en castelán Eduardo Blanco Amor: La catedral y el niño, Los miedos, Las buenas maneras...

Iniciativa civil para tempos de crise
En palabras do director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, "somos conscientes de que os tempos son difíciles, pero a cultura galega está a xogar a súa existencia no novo século, e iso pasa por actuar na globalización, apoiándonos en todos os recursos tecnolóxicos e lingüísticos. Non podemos perder esta batalla, que é a batalla dos novos termpos. Temos que poñer en valor todos os nosos recursos creativos, que son moitos, tanto históricos como actuais. Unha cultura que non responde aos desafíos da contemporaneidade está condenada a desaparecer".

Tamén insiste noutra cuestión, apelando ao sentido práctico e ao realismo: "Galaxia ten 64 anos de historia e un patrimonio cultural de primeirísimo nivel, que se acrecenta día a día e do que todos nos sentimos responsables. Por iso apelamos ao conxunto da sociedade civil, para que se comprometa co noso proxecto cultural. Con ambición e sen complexos, mais pisando onde pisa o boi, porque as escaleiras súbense banzo a banzo, non dun golpe".

 

Fonte: Editorial Galaxia

1331 lecturas