A Secretaría Xeral da Emigración reactiva e incrementa o apoio aos gastos de funcionamento e actividades desenvolvidas nos centros galegos do exterior

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a reapertura do prazo de solicitudes, que quedou interrompido por mor do Estado de alarma un día antes de finalizar.

Imaxe de arquivo da visita do presidente da Xunta ao Centro Galego de Mar del Plata o pasado mes de setembro
Imaxe de arquivo da visita do presidente da Xunta ao Centro Galego de Mar del Plata o pasado mes de setembro
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 8 de maio de 2020.

A Secretaría Xeral da Emigración reactiva, grazas á autorización extraordinaria do Consello da Xunta, o programa de axudas a entidades galegas do exterior, que quedou paralizado por mor da declaración do Estado de Alarma en España o pasado 14 de marzo. A reapertura do prazo de solicitudes, que quedou suspendido un día antes da súa data de remate legal e que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG), permite ao departamento galego seguir coa tramitación desta orde, que pretende dar un respaldo económico aos centros galegos que están situados fóra da nosa comunidade para que fagan fronte á crise do coronavirus con recursos. 

Esta medida urxente e extraordinaria permitiu a reactivación deste programa, que pon fin á paralización da tramitación destas axudas xerada pola excepcional situación na que se atopa o Estado español desde o 14 de marzo, e dá luz verde á redistribución dos fondos que o Goberno galego destina ás entidades galegas do exterior. Este axuste busca optimizar as axudas tanto para os gastos de funcionamento dos centros, que se incrementan nun 50%, como o aumento da contía destinada a financiar cada unha das actividades que si se van levar a cabo. 

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, invitou, así, aos centros situados fóra da comunidade a adaptar a planificación dos seus proxectos ao novo escenario mundial xerado pola pandemia da COVID-19. “A Xunta de Galicia está hoxe máis pendente ca nunca dos galegos no exterior, para os que os centros representan, non só un lugar de encontro, senón un referente cultural e, en moitos casos, asistencial fundamental para axudar a superar esta crise que hoxe nos ameaza a todos en forma de virus”, sinalou o titular do departamento autonómico. 

Un total de 1,7 millóns de euros
Os programas de axudas económicas a entidades, que suman un orzamento total de 1,7 millóns de euros, distribúense entre as destinadas a actividades e gastos de funcionamento e aquelas que buscan contribuír a financiar as reformas, rehabilitacións e conservacións, así como a mellorar as dotacións e equipamentos de carácter inventariable.  

831 lecturas