A Secretaría Xeral da Emigración adxudica un millón de euros para axudar ás entidades galegas do exterior a facer fronte aos gastos de funcionamento e á organización de actividades

Os preto de 200 centros galegos do exterior recibirán un total de 231 axudas unha vez xustifiquen os gastos. 

O departamento autonómico incrementou estas subvencións nun 50% como resposta ás dificultades que o coronavirus está a causar aos centros.

Imaxe de arquivo da visita do presidente da Xunta ao Centro Galego de Comodoro Rivadavia o pasado mes de setembro
Imaxe de arquivo da visita do presidente da Xunta ao Centro Galego de Comodoro Rivadavia o pasado mes de setembro
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2020.

A Secretaría Xeral da Emigración vén de adxudicar un total de un millón de euros en subvencións ás entidades galegas do exterior, que se fará efectivo unha vez xustifiquen os gastos. As liñas de axuda que o departamento autonómico acaba de resolver están destinadas a cubrir os custos tanto de funcionamento como de organización de actividades celebradas con Galicia e a súa cultura, tradición e costumes. 

As dificultades ás que conduciron as restricións impostas nos diferentes países nos que están situados os centros para frear a expansión do coronavirus forzaron o peche de todos eles e, no caso de América, aínda continúan. Por esta razón, e co obxectivo de dotar ás entidades de recursos que lles permitan facer fronte ás consecuencias da pandemia, o Goberno galego incrementou as subvencións nun 50%. 

A Secretaría Xeral da Emigración xa notificou a resolución das axudas aos centros galegos do exterior á espera da súa xustificación para poder facelas efectivas. O prazo para presentar a documentación requirida rematará o 30 de setembro.

Subvencións para obras
Ademais, o departamento autonómico está a ultimar a resolución da liña de axudas destinada a contribuír a facer fronte aos gastos de mellora e adquisición de equipamentos das entidades galegas no exterior.

758 lecturas