Publicada xa no DOG a orde de axudas para gastos de funcionamento e de actividades das comunidades galegas no exterior, que este ano aumenta un 11’11 % o seu orzamento, ata o millón de euros

Esta orde compleméntase con outra similar, que sairá publicada en breve, dotada con case 600.000 euros, para apoio á infraestrutura e adquisición de equipamentos, polo que o investimento da Secretaría Xeral da Emigración en 2016 para axuda aos centros galegos ascende ao entorno dos 1’6 millóns de euros.

Para Rodríguez Miranda, “o espírito fundacional de moitas destas entidades, de solidariedade cos máis desfavorecidos, é un dos grandes activos da Galicia Universal”.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2016.

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución que instrumenta a principal liña de axudas do Goberno galego ás comunidades galegas no Exterior, a convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para gastos de funcionamento e para proxectos de actuación dirixidos ao cumprimento dos fins nas áreas culturais, sociais, de xuventude e formativas das comunidades galegas.

Esta convocatoria, para a que se inviste desde o Goberno galego un millón de euros, un 11’11 por cento máis ca o ano pasado, compleméntase coa outra orde que ten por destino a axuda ás comunidades galegas, dotada nesta ocasión con case 600.000 euros, e que é a convocatoria de subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos para as mesmas. Esta segunda sairá tamén publicada en breve no Diario Oficial de Galicia.

Así, Emigración destinará no entorno de 1’6 millóns de euros a reforzar a presenza de Galicia, a súa cultura, actualidade e calidade, en tódalas sociedades e países con presenza de comunidades galegas.

Funcionamento e actividades
A convocatoria hoxe publicada no DOG especifica os máximos subvencionables segundo o tipo de proxectos, que en ningún caso pode superar os 25.000 euros por solicitude. Tamén especifica o tipo de documentación para a xustificación e acreditación do gasto realizado, e o seu proceso e control.

Dentro desta convocatoria de subvencións, establécense tres programas concretos. O primeiro, axudas para gastos correntes de funcionamento, dotado con 400.000 euros; un segundo, de axudas para proxectos culturais, sociais, de accións informativas e proxectos promovidos pola xuventude, cun orzamento de 500.000 euros; e o terceiro, de accións de especial relevancia promovidas por comunidades galegas, que conta cunha dotación de 100.000 euros.

En palabras do secretario xeral da Emigración, “unha das fortalezas das liñas de axuda establecidas pola Administración galega para as entidades no Exterior é a grande vinculación que manteñen os emigrantes con Galicia a través dunha rede de sociedades espalladas por todo o mundo, fundamentalmente en América, que contan moitas delas con servizos de protección -sanitarios, residencias de anciáns, centros de día- e o carácter de solidariedade cos seus paisanos máis desfavorecidos dos seus fundadores, que aínda perdura, e que é un dos grandes activos da nosa diáspora, da Galicia Universal”.

Estas achegas da Secretaría Xeral da Emigración vense ampliadas, asemade, a través de convenios coas entidades de carácter asistencial, complementando así a tarefa que desenvolven co apoio económico para contribuír ao mantemento deses centros de día, residenciais, e diversas actuacións de tipo asistencial.

O procedemento de concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, respectando os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos que se debe axustar a xestión das subvencións e axudas outorgadas polas administracións públicas.

Outras axudas adiantadas
Tal e como xa se ten anunciado, cómpre lembrar que, ademais destas axudas, a Secretaría Xeral da Emigración xa adiantou, ao 14 de decembro, a convocatoria anual das axudas individuais, das que se benefician oito mil familias galegas residentes no Exterior en situación de precariedade. A achega para esta outra liña de investimento social alcanza no orzamento de 2016 un total de 2’1 millóns de euros, o que supón en torno á terceira parte do orzamento efectivo de Emigración de 2016. O prazo para as solicitudes rematará o 8 de febreiro, polo que os trámites de presentación adiántanse un mes respecto do exercicio pasado.

Coa publicación das convocatorias no DOG, tanto das axudas económicas individuais para galegas e galegos no estranxeiro, coma das liñas de subvención para as comunidades galegas, a Secretaría Xeral cumpre co seu compromiso de adiantar todo o posible as achegas para investimento social directo, fundamental en moitos casos para o mantemento das condicións de vida das galegas e dos galegos da diáspora.

1282 lecturas