A Secretaría Xeral da Emigración pon en marcha unha nova edición de Obradoiros para formar a máis de 2.000 persoas
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de 2025 destas achegas que poden solicitar as entidades que estean inscritas no Rexistro da Galeguidade.
A iniciativa, que sufraga os gastos de contratación do profesorado e os materiais de formación, permitirá aos centros poñer en marcha talleres de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega.
As entidades poderán solicitar, por orde de preferencia, a organización de ata 3 cursos, e propor un profesor ou profesora para que o imparta, sempre que estea incluído nas listas de persoas formadoras na modalidade solicitada.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de axudas da Secretaría Xeral da Emigración para a posta en marcha de obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega nas entidades galegas do exterior, unha iniciativa a través da que a Xunta busca seguir fortalecendo os vínculos da comunidade emigrante coa súa terra de orixe. O pasado ano se realizaron preto de 70 obradoiros e se formaron preto de 2.000 persoas.
Os 200 centros de toda Europa e América interesados poderán facer efectiva a solicitude desde mañá, martes 18 de febreiro, e ata o vindeiro luns 17 de marzo.
Cun orzamento de 225.000 euros, a orde sufraga os gastos relacionados coa administración e a contratación, o desprazamento do profesorado e a compra dos materiais de formación. As entidades encargaranse, pola súa banda, dos gastos de estadía e manutención do persoal docente e das instalacións onde se impartan os cursos.
Así, ao abeiro desta liña, posibilítase a celebración de obradoiros de folclore —como baile, gaita, percusión e pandeireta e canto—, a posta en marcha de talleres de artesanía relacionados co encaixe de palillos ou coa confección de traxes tradicionais, o desenvolvemento de cursos de cociña galega e o impulso de seminarios de cultura.
Mantense, como en anos pasados, a modalidade presencial destes obradoiros e a modalidade telemática a través da aula virtual, unha plataforma onde a persoa formadora e o alumnado interactúan, conforme as necesidades das persoas participantes co fin de optimizar a aprendizaxe. En ambos casos, os cursos serán impartidos por profesionais con recoñecida experiencia nas distintas modalidades.
As entidades poderán solicitar, por orde de preferencia, a organización de ata 3 cursos, e propor un profesor ou profesora para que o imparta, sempre que estea incluído nas listas de persoas formadoras na modalidade solicitada. Para a realización de obradoiros de cociña ou de seminarios de cultura galega, as entidades deben contar con instalacións e equipamentos axeitados.
Novas relacionadas




