As entidades galegas do exterior teñen ata o próximo martes, 2 de maio, para solicitar os obradoiros presenciais e telemáticos
Esta iniciativa permite aos centros poñer en marcha talleres de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega.
O programa, que conta cun orzamento de 150.000 euros, sufragará os gastos de contratación do profesorado e materiais de formación.
As entidades galegas do exterior teñen ata o próximo 2 de maio para solicitar as axudas da Secretaría Xeral da Emigración para a posta en marcha de obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega nas entidades galegas do exterior que novamente poderán ser presenciais ou telemáticos.
Deste xeito, o departamento autonómico que dirixe Antonio Rodríguez Miranda, volve ofrecer axudas para a posta en marcha de obradoiros nas entidades galegas do exterior, cun orzamento global de 150.000 euros para a posta en marcha de estas iniciativas, sufragando así a Administración a contratación, desprazamento e aloxamento do profesorado, así como a compra dos materiais de formación. As entidades encargaranse, pola súa banda, das instalacións onde se impartan os cursos.
Mantense así, como o ano pasado, a modalidade presencial destes obradoiros e a modalidade telemática a través da aula virtual, unha plataforma onde a persoa formadora e o alumnado interactúan, de xeito concorrente e en tempo real, a través dun sistema de comunicación telemática. En ambos casos os cursos serán impartidos por profesionais con recoñecida experiencia nas distintas modalidades.
As entidades poderán solicitar por orde de preferencia, a organización de ata 3 cursos, e propor un profesor ou profesora para que o imparta, sempre que estea incluído nas listas de persoas formadoras na modalidade solicitada.
Para a realización de obradoiros de cociña ou de seminarios de cultura galega as entidades deben contar con instalacións e equipamentos axeitados, e ter entre os seus obxectivos a promoción e difusión dos costumes e cultura de Galicia. Máis información nesta ligazón.
Novas relacionadas