As entidades galegas do exterior poderán solicitar dende mañá os obradoiros presenciais e telemáticos

Esta iniciativa, que se publica no Diario Oficial de Galicia, permitirá aos centros poñer en marcha talleres de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega.

O programa, que conta cun orzamento de 150.000 euros, sufragará os gastos de contratación do profesorado e materiais de formación.

O prazo de solicitude dos obradoiros estará aberto ata o 2 de maio
O prazo de solicitude dos obradoiros estará aberto ata o 2 de maio
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2023.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria das axudas da Secretaría Xeral da Emigración para a posta en marcha de obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega nas entidades galegas do exterior que novamente poderán ser presenciais ou telemáticos. Os centros interesados poderán facer efectiva a solicitude dende mañá, xoves 30 de marzo, ata o 2 de maio.

Deste xeito, o departamento autonómico que dirixe Antonio Rodríguez Miranda, volve ofrecer axudas para a posta en marcha de obradoiros nas entidades galegas do exterior, cun orzamento global de 150.000 euros para a posta en marcha de estas iniciativas,  sufragando así a Administración a contratación, desprazamento e aloxamento do profesorado, así como a compra dos materiais de formación. As entidades encargaranse, pola súa banda, das instalacións onde se impartan os cursos. 

Mantense así, como o ano pasado, a modalidade presencial destes obradoiros e a modalidade telemática a través da  aula virtual, unha plataforma onde a persoa formadora e o alumnado interactúan, de xeito concorrente e en tempo real, a través dun sistema de comunicación telemática. En ambos casos, os cursos serán impartidos por profesionais con recoñecida experiencia nas distintas modalidades. 

As entidades poderán solicitar, por orde de preferencia, a organización de ata 3 cursos, e propor unha ou un profesor para que o imparta, sempre que estea incluído nas listas de persoas formadoras na modalidade solicitada.

Para a realización de obradoiros de cociña ou de seminarios de cultura galega, as entidades deben contar con instalacións e equipamentos axeitados, e ter entre os seus obxectivos a promoción e difusión dos costumes e cultura de Galicia. 

602 lecturas