A Xunta pon en marcha unha nova edición de Obradoiros para formar a máis de 2.000 persoas
O Diario Oficial de Galicia ven de publicar a convocatoria de 2026 destas achegas que poden solicitar as entidades que estean inscritas no Rexistro da Galeguidade.
A iniciativa, que sufraga os gastos de contratación do profesorado e os materiais de formación, permitirá aos centros poñer en marcha obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) ven de publicar a convocatoria de axudas da Secretaría Xeral da Emigración para a posta en marcha de Obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega nas entidades galegas do exterior, unha iniciativa a través da que a Xunta busca seguir fortalecendo os vínculos da comunidade emigrante coa súa terra de orixe. O pasado ano realizáronse preto de 50 obradoiros e formáronse máis de 1.500 persoas.
Os 200 centros de toda Europa e América interesados poderán facer efectiva a solicitude desde hoxe e ata o vindeiro 26 de febreiro.
A orden sufraga os gastos relacionados coa administración e a contratación, o desprazamento do profesorado e a compra dos materiais de formación. As entidades encargaranse, pola súa banda, dos gastos de estadía e manutención do persoal docente e das instalacións onde se impartan os cursos.
Así, ao abeiro desta liña, posibilítase a celebración de obradoiros de folclore —como baile, gaita, percusión e pandeireta e canto—, a posta en marcha de obradoiros de artesanía relacionados co encaixe de palillos ou coa confección de traxes tradicionais, o desenvolvemento de cursos de cociña galega e o impulso de seminarios de cultura.
Mantense, como en anos pasados, a modalidade presencial destes obradoiros e a modalidade telemática a través da aula virtual, unha plataforma onde a persoa formadora e o alumnado interactúan, conforme as necesidades das persoas participantes co fin de optimizar a aprendizaxe. En ambos casos, os cursos serán impartidos por profesionais con recoñecida experiencia nas distintas modalidades.
Novas relacionadas




