A Secretaría Xeral da Emigración incorpora hoxe os contacontos con obradoiros de debuxo sobre persoeiros da emigración e a historia de Galicia á Aula GaliciaAberta

Antonio Rodríguez Miranda sinala que esta nova sección infantil, Contapinta, que contará con nove propostas, busca “achegar a lingua e a realidade de Galicia aos cativos do exterior”.

A asociación Polo Correo do Vento ofrecerá ás 18 horas “O pingüín Panchito”,  a primeira sesión dirixida ás nenas e nenos galegos de todo o mundo, baseada nun conto de Castelao.

O Contapinta emitirase os sábados ás 18:00 h
O Contapinta emitirase os sábados ás 18:00 h
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 30 de maio de 2020.

A Secretaría Xeral da Emigración incorpora hoxe, ás 18 horas, unha sección infantil á Aula GaliciaAberta, a iniciativa de formación e divulgación en directo e online que puxo en marcha o pasado mes de abril para paliar as limitacións que o Estado de Alarma derivado da pandemia do coronavirus obrigou a implantar nos principais países con presenza galega. A proposta dirixida ás galegas e galegos do exterior máis pequenos, chamada Contapinta, consistirá nunha serie de contacontos que correrán a cargo de Polo Correo do Vento, e que incluirán un obradoiro de debuxo do persoeiro ou historia relacionada coa emigración e a realidade de Galicia. Durante esta parte da actividade as e os cativos poderán, ademais, interactuar tanto con Enrique Mauricio, encargado da narración, como con Carlos Taboada, o ilustrador. 

Esta proposta do departamento autonómico busca, “ademais de ofrecer unha alternativa de ocio e de coñecemento sobre o pasado e o presente da comunidade, achegar a lingua e a realidade de Galicia aos cativos do exterior”, segundo apuntou o seu titular, Antonio Rodríguez Miranda.

A primeira sesión de Contapinta levará por título O pingüín Panchito, unha versión dun conto de Castelao que permitirá aos pequenos e pequenas da casa achegarse á colectividade galega dos Estados Unidos, O Reino Unido e Brasil, entre outras. A iniciativa será emitida a través do Facebook Live de GaliciaAberta os sábados de 18 a 19 horas. Todas e todos aqueles que non poidan velo en directo terán a oportunidade de visualizalo posteriormente nas redes sociais da Secretaría Xeral da Emigración, e mesmo na súa web institucional (emigracion.xunta.gal), onde quedará colgado tan pronto finalice a actividade.

681 lecturas