Miranda expón a nova actividade da Aula GaliciaAberta da Secretaría Xeral da Emigración, un seminario de cociña no que o chef André Arzúa interactuará cos galegos e galegas de todo o mundo

O cociñeiro galego fará diferentes receitas elaboradas con produtos típicos de Galicia que tamén poderán adaptarse ás cociñas dos diferentes países. 

As sesións emitiranse proximamente a través do Facebook Live de GaliciaAberta. 

Miranda e Arzúa, durante a presentación do obradoiro
Miranda e Arzúa, durante a presentación do obradoiro
Vídeo da presentación do obradoiro de cociña
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, expón, nun vídeo publicado na web e nas diferentes redes sociais do departamento autonómico, as principais características da nova actividade que se incorporará á Aula GaliciaAberta, a iniciativa posta en marcha durante o Estado de Alarma para paliar as limitacións impostas pola restrición de movementos nos países con maior poboación galega. Un seminario de cociña engadirase nas vindeiras semanas á oferta que integra hoxe esta proposta do Goberno galego, formada por clases de canto e pandeireta, percusión, gaita, baile e sesións de contacontos en galego. 

A nova disciplina, que correrá a cargo do chef galego André Arzúa, busca achegar receitas elaboradas desde Galicia aos galegos e galegas de todo o mundo, adaptando, nos casos nos que sexa posible, os ingredientes ou métodos empregados á realidade gastronómica dos países con maior presenza galega. Ao igual que ocorre co resto de actividades da Aula GaliciaAberta, os usuarios e usuarias deste programa poderán interactuar en directo co cociñeiro a través do Facebook Live da Secretaría Xeral da Emigración para exporlle dúbidas ou comentarios.

“As persoas van poder saber con anterioridade os produtos que se van utilizar” en cada unha das elaboracións para que poidan ter preparada a materia prima en caso de que queiran seguir a elaboración en directo, expuxo Miranda. Esta nova actividade desenvolverase os venres á tarde para axustarse a un horario favorable ás e aos espectadores de América.

1304 lecturas