Miranda anuncia a incorporación dunha sección infantil de contacontos ás actividades de Aula GaliciaAberta

O secretario xeral da Emigración adiantou a través dunha videconferencia emitida en directo a través do Facebook Live de GaliciaAberta que a nova proposta porase en marcha a vindeira semana.

As sesións para nenas e nenos, que correrán a cargo de Polo Correo do Vento e incluirán un obradoiro de debuxo, transmitiranse os sábados de 18 a 19 horas.

O secretario xeral da Emigración, durante a presentación desta tarde
O secretario xeral da Emigración, durante a presentación desta tarde
Presentación do "Contapinta"
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 23 de maio de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, anunciou a incorporación dunha sección infantil ao programa Aula GaliciaAberta. A iniciativa, que consistirá en dez sesións de contacontos levados a cabo por Polo Correo do Vento, será emitida a través do Facebook Live de GaliciaAberta os sábados de 18 a 19 horas. Todas e todos aqueles que non poidan velo en directo terán a oportunidade de visualizalo posteriormente nas redes sociais da Secretaría Xeral da Emigración, e mesmo na súa web institucional (emigracion.xunta.gal), onde quedará colgado tan pronto finalice a actividade.

Esta proposta ponse en marcha logo do éxito acadado pola sesión celebrada o pasado domingo 17 de maio co gallo do Día das Letras Galegas, centrada na figura homenaxeada este ano, a de Ricardo Carvalho Calero. Os contacontos alternarán biografías de persoeiros relevantes para a historia da emigración galega, como Castelao, Ánxeles Alvariño ou Luis Seoane con outras que forman parte da tradición e a cultura galegas, e que contarán cun “toque persoal”, tal como adiantaron os integrantes de Polo Correo do Vento, Enrique Mauricio e Carlos Taboada. Ademais, trala sesión de contacontos, Mauricio e Taboada ofrecerán un obradoiro de debuxo en directo para ensinar ás e aos pequenos espectadores a ilustrar o conto. Durante esta parte da sesión, os integrantes do colectivo interactuarán cos cativos e cativas de todo o mundo.

Sorpresas aínda por desvelar
A presentación fíxose, de feito, a través dunha videoconferencia mantida entre o secretario xeral da Emigración e os membros de Polo Correo do Vento dirixida especificamente aos cativos e cativas da Galicia exterior que se retransmitiu a través do Facebook Live de GaliciaAberta. Nela desveláronse algunhas das sorpresas que incluirá esta nova proposta de Aula GaliciaAberta e anunciáronse outras que aínda terán que agardar para ser descubertas.

En imaxes
579 lecturas