Santiago Camba asina con catro asociacións de emigrantes os convenios que permitirán aos galegos residentes en Brasil tramitar a tarxeta Galicia Saúde Exterior

Esta tarxeta garante a asistencia sanitaria dos emigrantes durante as súas estancias en Galicia

Con estes convenios, a Xunta amplía a Brasil un dereito ao que xa teñen acceso os galegos de Arxentina, Urugai, México e Venezuela

Os descendentes de galegos poderán tramitar a súa tarxeta no Centro espanhol e repatriación de Santos, na Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instruçao de San Paulo, na Sociedade Espanhola de Beneficencia de Rio de Janeiro, e na Real Sociedade Espanhola de Beneficencia de Salvador de Bahía

Estas catro entidades contarán con persoal especializado para atender as solicitudes e cunha ferramenta informática deseñado pola Consellería de Sanidade que permitirá realizar os trámites necesarios para a obtención da tarxeta con celeridade e seguridade

“Desde a Xunta de Galicia seguiremos implementando tantas medidas en materia de programas sociais e asistenciais como sexa posible no actual escenario de crise económica, mirando en todo momento aos galegos residentes no exterior como destinatarios lexítimos das nosas políticas e partícipes dos seus beneficios”, destaca o secretario xeral

Listen to this page using ReadSpeaker
7 de decembro de 2011.

Secretaría Xeral da EmigraciónO secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, asinará esta semana cos responsables de catro asociacións de emigrantes galegos en Brasil sendos convenios de colaboración polos que os descendentes de galegos residentes neste país americano poderán tramitar nas sedes destes colectivos a tarxeta Galicia Saúde Exterior, que lles garante a asistencia sanitaria durante as súas estancias en Galicia. Con estas sinaturas, se amplía a Brasil o compromiso da Xunta de Galicia de igualar os dereitos en materia de asistencia sanitaria dos galegos residentes no exterior cos dos residentes na Galicia territorial.

O secretario xeral asinará estes convenios co Centro espanhol e repatriación de Santos, a Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instruçao de San Paulo, a Sociedade Espanhola de Beneficencia de Rio de Janeiro, e a Real Sociedade Espanhola de Beneficencia de Salvador de Bahía. Estas catro entidades contarán con persoal especializado para atender as solicitudes e cunha ferramenta informática deseñado pola Consellería de Sanidade que permitirá realizar os trámites necesarios para a obtención da tarxeta con máis celeridade e seguridade.

Camba destaca que este é o momento oportuno para formalizar estes convenios xa que o acordo de Seguridade Social subscrito entre os gobernos de España e Brasil se atopa suspendido. “Para a realización destes trámites desde Brasil, é necesario contar con persoal que desde as propias agrupacións de emigrantes realicen os labores de información e control da documentación, para a súa remisión mediante vía telemática á xerencia de atención primaria do Servizo Galego de Saúde que corresponda”, incide.

Estes convenios supoñen a extensión a Brasil dun dereito ao que xa teñen acceso os descendentes de galegos residentes en Arxentina, Uruguai, México e Venezuela. “Desde o Goberno da Xunta de Galicia seguiremos implementando tantas medidas en materia de programas sociais e asistenciais como sexa posible no actual escenario de crise económica no que nos atopamos, mirando en todo momento cara os galegos residentes no exterior como destinatarios lexítimos das nosas políticas e partícipes dos seus beneficios”, asegura o secretario xeral.

1164 lecturas